A iniciativa reclama tamén a licitación dun servizo periódico de limpeza e desinfección dos contedores municipais
O Vicedo, 23 de xullo de 2026. O Grupo Municipal Socialista do Vicedo vén de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno, que se celebrará o mércores 29 de xullo, na que propón que o Concello elabore un Plan Municipal de Conservación e Mantemento dos Espazos Públicos, co obxectivo de frear o progresivo deterioro das infraestruturas municipais, garantir un adecuado mantemento dos servizos públicos e asegurar unha xestión máis eficiente dos recursos municipais.
Dende o PSdeG advirten de que numerosos espazos e elementos públicos presentan un evidente deterioro debido á falta dun mantemento periódico, un abandono que afecta á imaxe do municipio e dificulta o uso e desfrute destes espazos por parte da veciñanza. Entre eles, destacan as pasarelas de madeira, as beirarrúas dos núcleos do Folgueiro e do Vicedo, as xardineiras, os bancos, as mesas das áreas de descanso e outros elementos do mobiliario urbano.
A moción socialista alerta tamén das deficiencias na limpeza e no mantemento dos contedores de residuos, especialmente durante os meses de verán, que provocan malos olores e problemas hixiénico-sanitarios.
Así mesmo, a formación sinala a necesidade de mellorar a planificación dos investimentos municipais. Neste sentido, cita actuacións que supuxeron un importante investimento económico e cuxa utilidade real para a veciñanza resulta, cando menos, “cuestionable”, como o lavadoiro de bicicletas de Riobarba ou o parque biosaudable das Laxes, infraestruturas que non tiveron o uso esperado ou que apenas son utilizadas.
O PSdeG lembra tamén que instalacións nas que xa se realizaron investimentos e reparacións, como a pista de pádel do Folgueiro, precisan dun mantemento continuado e dunha mellor planificación para garantir o seu aproveitamento. Do mesmo xeito, advirte de que o Pavillón Municipal Jesús Manuel Bellas “Kubala”, amplamente utilizado pola veciñanza, require actuacións de conservación que permitan mantelo en condicións axeitadas.
Por iso, o PSdeG propón que o Concello elabore un Plan Municipal de Conservación e Mantemento dos Espazos Públicos e poña en marcha actuacións periódicas nas beirarrúas, pasarelas de madeira, áreas de descanso, xardineiras, bancos, mesas e demais elementos do mobiliario urbano existentes nas distintas parroquias.
Reclama tamén a licitación dun servizo periódico de limpeza e desinfección dos contedores municipais, co fin de evitar malos olores e problemas hixiénico-sanitarios e mellorar as condicións de salubridade e a imaxe dos espazos públicos. Así mesmo, propón dar traslado do acordo aos servizos municipais competentes para que elaboren un calendario de actuacións periódicas de mantemento e conservación dos espazos públicos do municipio.
“Non se trata de facer investimentos por facer, senón de planificar actuacións útiles e necesarias e garantir posteriormente o seu mantemento para que poidan conservarse e ser aproveitadas ao longo do tempo”, sostén a voceira socialista, Verónica Canoura.
Dende o PSdeG defenden que “gobernar non consiste unicamente en executar novas obras, senón tamén en conservar, manter e poñer en valor as infraestruturas das que xa dispón o Concello”. “Os investimentos municipais deben responder ás necesidades reais do municipio e da súa veciñanza e garantir unha xestión responsable e eficiente dos recursos públicos”, conclúe Canoura.
























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
As familias, o equipo docente, e o alumnado da Escola Infantil Municipal desfrutaron esta semana dunha xornada de convivencia e aprendizaxe neste parque. Ao longo do día, ademais de visitar a reserva e coñecer de preto numerosas especies animais, compartiron un agradable picnic nas instalacións do parque e tiveron acceso tanto á zona exclusiva da reserva como ao resto do recinto. A xornada rematou cunha actividade moi especial: un pequeno teatro participativo sobre a prevención dos incendios forestais, no que os nenos e nenas aprenderon a importancia de coidar os nosos montes e de evitar condutas que poidan provocar lumes, como abandonar obxectos de vidro na natureza. Un día cheo de experiencias, convivencia e aprendizaxes que reforzan o compromiso coa educación ambiental desde as primeiras idades.



