O formulario de solicitude do carné estará dispoñible no departamento de Información municipal e na web do Concello, para a súa presentación por rexistro ou sede electrónica
Burela, 2 de setembro de 2026. O Concello de Burela pon en marcha un novo carné de alimentador/a de colonias felinas, un sistema que busca recoñecer e ordenar o importante labor das persoas que coidan diariamente os gatos comunitarios e integralas na xestión e control das colonias.
Trátase dunha das primeiras medidas que se desenvolven tras a aprobación definitiva do novo Plan de Control e Xestión Ética de Colonias Felinas Urbanas a nivel municipal.
A iniciativa pretende, por unha banda, ordenar e coordinar a alimentación dos gatos comunitarios e, por outra, recoñecer o importante labor que realizan as persoas alimentadoras, moitas delas implicadas desde hai anos de maneira voluntaria no coidado dos animais.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca que “son precisamente estas persoas as que mellor coñecen o día a día de cada colonia”.
“Saben que animais a integran, detectan rapidamente a chegada dun gato novo, poden advertir dun animal enfermo ou ferido e colaboran para facilitar as capturas e o posterior seguimento das esterilizacións”, explica a rexedora.
“O novo sistema busca que todo ese coñecemento e compromiso formen parte dunha xestión coordinada entre Concello, persoas alimentadoras e Protectora Bigotes”, afirma López.
Como solicitar o carné
O formulario de solicitude do carné estará dispoñible no departamento de Información do Concello de Burela, onde poderá cubrirse para a súa posterior presentación a través do Rexistro Municipal.
Tamén poderá descargarse desde a páxina web do Concello e presentarse telematicamente a través da sede electrónica municipal. Os carnés serán persoais e numerados e permitirán identificar a colonia coa que colabora cada persoa.
Unha vez tramitada a solicitude, o Concello contactará coa persoa solicitante para que poida recoller o seu carné e o correspondente kit de alimentador/a.
“Unha peza fundamental”
A alcaldesa de Burela afirma que “as persoas alimentadoras das colonias son unha peza fundamental, o Seu labor é esencial para que o sistema funcione”. “A presenza diaria nas colonias convérteas nos ollos sobre o terreo e permite ter información que sería imposible obter doutra maneira”, apunta.
“Ademais de proporcionar alimento e auga, colaboran comunicando a aparición de novos individuos ou de animais enfermos ou feridos, facilitando as actuacións de captura e esterilización e observando o estado dos gatos posteriormente” engade.
A posta en marcha deste sistema non pretende unicamente regular a alimentación, senón tamén dar cobertura, recoñecer e incorporar á xestión municipal ás persoas que voluntariamente dedican o seu tempo ao coidado dos gatos comunitarios.
Ao solicitar o carné, as persoas autorizadas comprométense tamén a seguir unhas pautas comúns: proporcionar auga limpa e fresca, empregar preferentemente penso seco, manter limpa a zona, procurar horarios regulares e non deixar vísceras nin restos orgánicos.
Deste xeito, o Concello quere, en palabras da rexedora, “acompañar e facilitar o traballo das persoas que xa están implicadas, ao tempo que se establecen criterios comúns que permitan compatibilizar o benestar animal coa limpeza dos espazos públicos e a convivencia coa veciñanza”.
Un Plan para xestionar as colonias
A implantación dos carnés forma parte do Plan de Control e Xestión Ética de Colonias Felinas Urbanas do Concello de Burela, aprobado definitivamente mediante Decreto de Alcaldía do 27 de xullo e publicado no Boletín Oficial da Provincia o 3 de agosto.
O Plan busca contar cun marco organizado para identificar e realizar o seguimento das colonias, controlar a súa poboación, establecer condicións adecuadas de alimentación e hixiene e coordinar ás persoas implicadas no seu coidado.
Unha das ferramentas fundamentais neste obxectivo é o método CER, de Captura, Esterilización e Retorno. Os gatos comunitarios son capturados para proceder á súa esterilización e posteriormente retornan á súa colonia, onde continúan baixo control e seguimento.
A esterilización permite frear progresivamente a reprodución e evitar o crecemento descontrolado das colonias. “Por iso, xestionar unha colonia non significa simplemente alimentar os animais, significa coñecelos, controlalos, esterilizalos, detectar novas incorporacións, atender posibles problemas e facer un seguimento continuado”, indica López.
Traballo conxunto coa Protectora Bigotes
“Neste proceso resulta tamén fundamental a colaboración da Protectora Bigotes, que axuda ao Concello na atención aos animais e no traballo relacionado coas colonias felinas”, subliña a alcaldesa burelá.
“A súa experiencia, sumada ao coñecemento diario das persoas alimentadoras, permite construír unha rede de colaboración na que cada parte resulta necesaria”, salienta.
López agradeceu expresamente tanto á Protectora Bigotes como ás persoas alimentadoras e voluntarias o traballo que realizan durante todo o ano, “moitas veces de maneira silenciosa e dedicando o seu propio tempo ao coidado dos animais”.
“Co Plan definitivamente aprobado, a posta en marcha dos carnés e dos kits e a colaboración entre Concello, Protectora Bigotes e persoas alimentadoras, Burela avanza cara a unha xestión máis organizada, responsable e ética das colonias felinas, baseada no control poboacional, no benestar animal, na limpeza e na convivencia”, conclúe.






















O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.



