Nota de prensa
SELO DE CALIDADE PescadeRías REMATOU 2011 CON MÁIS DE 11 TONELADAS DE PRODUTO CERTIFICADO GRAZAS ÁS ACCIÓNS PROMOCIONAIS DA XUNTA
? O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, destacou no Parlamento o aumento significativo da certificación de produtos da pesca artesanal, pasando de máis de 2.800 toneladas no 2009 a máis de 11.400 en 2011, multiplicándose por catro a cifra de toneladas certificadas
? A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, aclarou que a día de hoxe “non existen cantidades pendentes de pago aos Grupos de Acción Costeira por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar”
? En canto a reformulación do contrato dos helicópteros de Gardacostas, o secretario xeral técnico, Francisco Vidal-Pardo, lembrou que a Consellería a resolveu de mutuo acordo coa empresa adxudicataria do servizo
Santiago, 23 de febreiro de 2012.- O selo de calidade PescadeRías rematou 2011 con máis de 11 toneladas de produto certificado grazas ás accións promocionais da Xunta. O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, deu conta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo da evolución desta marca de calidade da que destacou o aumento significativo da certificación de produtos procedentes da pesca artesanal, pasando de máis de 2.800 toneladas no 2009 a máis de 11.400 en 2011, multiplicándose por catro a cifra de toneladas certificadas.
En canto aos establecementos adheridos a este selo, o secretario xeral do Mar engadiu que na actualidade hai certificadas 22 lonxas e centros de primeira venda, 11 depuradoras, 14 distribuidores por xunto e 4 empresas transformadoras. Ademais destacou que na campaña de Nadal as depuradoras de molusco puxeron no mercado máis de 26 toneladas de moluscos certificados con PescadeRías .
Juan Maneiro explicou que este avance se debe á reorientación que a Consellería do Medio Rural e do Mar aportou a este selo a través de accións realizadas para mellorar o seu posicionamento no mercado. Entre estas iniciativas destaca o convenio asinado no 2011 coa Confederación Galega de Hostalería -CEHOSGA-, que permitiu incorporar ao selo 36 restaurantes galegos entre os que están todos os paradores da comunidade galega e a maioría dos establecementos con estrela Michelín de Galicia. O secretario xeral do Mar engadiu que tamén se está desenvolvendo unha campaña de captación, especialmente entre os distribuidores por xunto e que está dando como resultado novas incorporacións de empresas certificadas.
Outras accións desenvolvidas polo departamento de Rosa Quintana para impulsar PescadeRías son o novo portal web para informar aos consumidores e servir de ferramenta ás empresas certificadas e a guía metodolóxica que pretende orientar aos usuarios da marca, facilitándolle o seu traballo. Ademais a Consellería do Medio Rural e do Mar colabora coa de Economía e Industria en informar aos vendedores polo miúdo, especialmente nos mercados de abastos, onde se comercializa unha gran cantidade de produto certificado.
Grupos de Acción Costeira
Respecto dos pagamentos aos Grupos de Acción Costeira, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, insistiu na Comisión 8ª que a día de hoxe “non existen cantidades pendentes de pago aos grupos por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar”. A directora xeral indicou que o seu departamento segue apostando decididamente polos GAC cun importante esforzo orzamentario a pesar da actual situación económica. Proba clara deste compromiso, dixo Susana Rodríguez, son os máis de 2,4 millóns de euros transferidos aos grupos dende o 2009 para gastos de funcionamento e sensibilización e promoción.
En canto aos custos de funcionamento dos grupos deste ano, a directora xeral informou que existe unha autorización de crédito por importe de máis de 810.000 euros e que neste momento están tramitados os anticipos correspondentes aos gastos de funcionamento para tódolos grupos, que supoñen un importe de máis de 320.000 euros e que “confiamos que todos os grupos sen excepcións sexan quen de executar axeitadamente e en prazo” ,sinalou a directora xeral.
Helicópteros Gardacostas
En canto a reformulación do contrato dos helicópteros do servizo de Gardacostas, o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar, Francisco Vidal-Pardo, lembrou que a Consellería do Medio Rural e do Mar resolveuna de mutuo acordo coa empresa adxudicataria do servizo. Este contrato será mixto de servizo e venda coa empresa adxudicataria e consistirá na prestación do servizo de operatividade e mantemento das dúas aeronaves -Pesca I e Pesca II- coa obriga, por parte da empresa que resulte adxudicataria, non só de utilizar os helicópteros, senón de adquirilos con pago diferido ao longo da duración do contrato, que será de 5 anos.
Respecto da peritaxe para a adquisición dos helicópteros por parte da empresa que resulte adxudicataria, Vidal-Pardo informou de que se está realizando unha segunda taxación que reforza a imparcialidade e independencia neste proceso. O secretario xeral técnico insistiu en que mentres non se realice a licitación desta nova modalidade contractual o servizo mantense do mesmo xeito, garantindo de protección do litoral galego as 24 horas do día os 365 días ano e co mesmo número de profesionais de salvamento.
Cabe lembrar que a reformulación deste contrato supón un aforro aproximado de arredor de 2,7 millóns de euros anuais optimizando os custos, acadando máis operatividade e eficacia neste servizo e garantindo como na actualidade a protección de todo o litoral. Ademais esta fórmula posibilita maior concorrencia competitiva para o desenvolvemento do servizo e permite actualizalo podendo optar a aeronaves máis avanzadas tecnoloxicamente.



















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



