RIBADEO RECOLLE 290.000 KILOS DE VIDRO AO ANO NOS 66 CONTEDORES INSTALADOS NO TERMO MUNICIPAL. HORACIO CUPEIRO INDICOU QUE “A NOVA EMPRESA QUE REALIZA ESTE TRABALLO COMPROMETÉUSE CO CONCELLO A SUBSANAR OS PROBLEMAS QUE SE DETECTARON NOS ÚLTIMOS TEMPOS E A FACER A RECOLLIDA COA FRECUENCIA HABITUAL”.
Ribadeo, 10 de maio de 2012. Ribadeo recolle 290.000 kilos de vidro ao ano. A nova empresa encargada de realizar este traballo comprometéuse co Concello a subsanar os problemas que se detectaron nos últimos tempos e a facer a recollida coa frecuencia habitual, segundo deu a coñecer esta mañá o edil de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
O concelleiro nacionalista explicou que “hai uns meses Ecovidrio, a asociación sen ánimo de lucro creada polos envasadores para a recollida dos envases de vidrio, cambiou de empresa para realizar este traballo e para recoller os 66 que temos no noso concello, e esta nova firma non estaba a facer as cousas do noso agrado. Atopámonos con problemas, dado que non facían a recollida coa frecuencia que deberían”. Horacio Cupeiro lembrou que “en Ribadeo somos o concello da Mariña que máis vidro recolle, con 290.000 kilos ao ano”.
O responsable municipal de Medio Ambiente sinalou que “hai unhas semanas púxenme en contacto co delegado de Ecovidrio en Galicia para plantexarlle as nosas queixas. Ecovidrio comunicóullo á nova empresa e hai uns días presentáronse no Concello para pedir disculpas e para comprometerse a aumentar a frecuencia da recollida, sobre todo na parte vella e en Rinlo, que son zonas turísticas e non podemos ter o vidro fora dos contedores. Pedíronnos as disculpas, aceptámolas e dixéronnos que solventarán as incidencias que detectamos nos últimos meses”.
Cupeiro dixo que “había preocupación por parte dalgúns restaurantes, pero que saiban que se tomaron as medidas correspondentes para que esto empece a funcionar como debe ser”.