A Deputación de Lugo impulsa un ano máis a mellor artesanía da provincia coa XVI edición do Artesanfroilán
– Regina Polín presentou hoxe esta mostra organizada un ano máis polo ente provincial para apoiar á celebración das festas patronais e impulsar a riqueza artesanal lucense de cara ó exterior
– As case 70 solicitudes presentadas por artesáns de toda España amosan o interese desta feira para o sector debido á súa rendibilidade, posto que xera un volume de negocio de máis de 100.000 euros en cada edición e os artesáns só teñen que aportar 360 euros polo seu “stand”
– 19 profesionais lucenses e 6 do resto de Galicia e España venderán pezas de xoiería, bisutería, cerámica, téxtil, coiro, madeira, pintura, zapatos, vidro e flor seca en 25 postos, ós que suma outro no que 8 consagrados artesáns ofrecerán a súa particular visión do San Froilán
– Artesanfroilán abrirá na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, detrás da Casa do Concello, dos día 5 a 12 deste mes, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30 horas, agás o día 12, no que pechará ás 21:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada por algúns dos artesáns que estarán presentes na mostra, presentou hoxe a XVI edición do Artesanfroilán, a tradicional mostra de artesanía que un ano máis a Deputación de Lugo pón en marcha na cidade coincidindo coas festas do San Froilán. Esta iniciativa cumpre cun dobre obxectivo: por unha banda, contribúe a potenciar unhas festas que repercuten moi positivamente na economía local, polo gran impulso que supoñen para todos os sectores da economía local debido á grande afluencia de visitantes que durante eses días consumen na cidade e nas localidades limítrofes.
Por outra, Artesanfroilán desempeña un papel fundamental para dar a coñecer o sector da artesanía da provincia de cara ó exterior, precisamente por esa afluencia de visitantes procedentes de toda España e mesmo do estranxeiro, atraídos por unhas festas declaradas de Interese Turístico Nacional. Neste sentido, Regina Polín destacou que “o San Froilán é unha ocasión inmellorable para promocionar a riqueza da provincia e impulsar a nosa economía. Hoxe en día é fundamental apoiar iniciativas altamente rendibles coma estas festas, posto que veñen deixando beneficios de máis de 15 millóns de euros ano tras ano. Temos que convencernos de que este tipo de celebracións non son un gasto, senón unha inversión”
Unha das mostras de máis sona
Artesanfroilán está consolidada coma unha das mostras do sector máis destacadas e con máis nome en toda España, especialmente nos últimos catro anos, debido ós beneficios acadados polos profesionais presentes. Esta feira supón un inmellorable escaparate para o sector da artesanía, ó ser visitada cada ano por milleiros de persoas e que contribúen a facer desta mostra unha das máis baratas e rendibles do sector: a cambio dunha aportación de 360 euros que ten que facer cada artesán para dispoñer dun posto habilitado na carpa (unha terceira parte do que pagan noutras mostras similares), conseguen estar presentes nunha feira que vén xerando un volume de negocio de máis de 100.000 euros cada ano.
É, polo tanto, unha ocasión inmellorable para dar conta da riqueza artesanal de Galicia e promocionala de cara ó exterior, algo do que os profesionais do sector son prefectamente conscientes, tal e como amosan as preto de 70 solicitudes achegadas por profesionais de toda España.
25 destacados artesáns
No Artesanfroilán estarán presentes moitos dos profesionais máis destacados de toda a xeografía galega, seleccionados seguindo os criterios sinalados nas bases feitas públicas o pasado mes de agosto. Tal e como sinalou a Deputada responsable da Área, ademais da calidade dos traballos tivéronse en conta criterios coma o da a sostenibilidade e a innovación amosadas no proceso produtivo ou o repecto polo medio ambiente, exemplificado no emprego de materiais e substancias de orixe natural, ou que estivesen representadas a maior variedade de técnicas posible. Así mesmo, primouse a procedencia lucense dos artesáns, quedando reservado o 80% dos “stands” para estes, malia que os profesionais de fóra de Galicia ou doutros países coma Portugal tamén teñen cabida nesta mostra.
Así, estarán presente un total de 25 artesáns de diferentes orixes. 19 deles proceden dos Concellos de Lugo (7), Viveiro (4), Ribadeo (2), Vilalba (1), Monforte (1), Mondoñedo (1), Courel (1) e Cervo (1). Os seis restantes veñen das provincias da Coruña (3), Pontevedra (2) e Valladolid (1).
Nos “stands” habilitados dos que disporán estes profesionais no Artesanfroilán, os visitantes poderán mercar a bo prezo pezas de xoiería e bisutería, cerámica, téxtil en lá e encaixe, coiro, elementos decorativos e xoguetes realizados en madeira, pintura, variados complementos de vestir en diferentes materiais, zapatos ou decoración en vidro e flor.
Coma todos os anos, os artesáns participantes optarán a un premio de 1.000 euros en metálico para o mellor expositor. Para elo, teranse en conta factores coma o deseño do “stand”, a presentación orixinal do produto e o esforzo por mellorar a calidade da feira.
Coma novidade deste ano, haberá un “stand” máis, no que 8 artesáns de sobrado prestixio exporán outras tantas particulares visións das festas do San Froilán, a través de creacións en pedra, madeira, ferro, téxtil ou materias de reciclaxe.
Días e horarios de apertura
Coma vén sendo habitual, Artesanfroilán abrirá as súas portas na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras a Casa do Concello lucense, o día 5, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30 horas, agás o día 12 no que pechará ás 21:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.






















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



