PAPA NOEL ESTARÁ EN LOURENZÁ HOXE, VERNES, E O DOMINGO. A CABALGATA DOS REIS MAGOS PERCORRERÁ TODAS AS PARROQUIAS DO MUNICIPIO O DÍA 5 DE XANEIRO DENDE AS CATRO DA TARDE.
Lourenzá, 21 de decembro de 2012. A Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Lourenzá acaba de facer pública a programación de actividades para as vindeiras datas de Nadal. Entre os actos previstos destaca a visita de Papá Noel hoxe e o domingo e a Cabalgata dos Reis Magos, que nesta ocasión percorrerá todas as parroquias do municipio.
A concelleira Lupe Flórez anunciou que a programación “comezará hoxe venres, 21 de decembro, coa visita de Papá Noel ás instalacións do Centro de Día ás cinco e media da tarde. Alí as nenas da sección de canto e pandeireta da escola municipal de música e danza Osorio Gutiérrez interpretarán unhas panxoliñas aos usuarios do centro. Posteriormente, sobre as seis da tarde, Papá Noel estará no punto de atención á infancia (PAI) Meniños. O domingo, 23 de decembro, Papá Noel achegarase ás dependencias da Casa do Concello, concretamente como é tradicional nos últimos anos estará na sala de exposicións da Casa da Cultura, onde ás cinco e media da tarde escoitará as últimas peticións dos máis novos do concello e entregaralles unhas lambetadas. De seguido, sobre as seis e media da tarde no salón de actos, os alumnos da sección de música, canto e pandeireta da escola municipal de música e danza Osorio Gutiérrez farán un recital cunha selección de cantos de Nadal”.
Flórez tamén explicou que “ao longo dos días 26, 27 e 28 de decembro, e 2, 3 e 4 de xaneiro, os nenos e nenas poderán gozar das vacacións asistindo aos obradoiros de temática típicos de Nadal, abelorios, coreografías, playbacks, xogos de mesa e de interior nas dependencias da Casa da Xuventude en horarios de mañá e tarde”.
E rematarán os actos da programación de Nadal organizada polo Concello de Lourenzá “co broche de ouro, que será na xornada do sábado, 5 de xaneiro, coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis, que terá variacións respecto a anos anteriores. A novidade é que percorrerá as parroquias do noso concello. Empezará ás catro da tarde na igrexa parroquial de San Adriano, onde as súas maxestades asistirán ao recital de panxoliñas de Nadal a cargo do coro parroquial de Vilanova. De seguido, sobre as catro e media tarde, iniciarán o percorrido na súa carroza. Saudarán, nunha breve parada, aos veciños de Santo Tomé, diante da igrexa parroquial, para continuar ata o centro social de San Xurxo, onde de novo farán un alto no camiño para saudar aos veciños e veciñas presentes. Finalmente chegarán a Vilanova, onde sobre as seis da tarde iniciarán no albergue de peregrinos, situado na Praza da Gracia, o tradicional percorrido polas rúas da vila ata a Casa do Concello. Alí darán o seu discurso dende o balcón das oficinas municipais para o público que estará na praza do Conde Santo e posteriormente recibirán a tódolos nenos e nenas na escalinata principal e entregaranlles algún agasallo e lambetadas. Ao remate contaremos cun espectáculo de maxia a cargo do mago Pei no salón de actos da Casa da Cultura”, anunciou a concelleira de Cultura.
Lupe Flórez tamén deu a coñecer outras actividades que se van desenvolver este Nadal en Lourenzá aínda que non son organizadas directamente polo Concello. Referiuse a unha obra teatral “a cargo dos membros da asociación Conde Santo, de Lourenzá, que van retomala despois de dez anos, cando eran apenas uns rapaciños e que estiveran ensaiados pola técnica de Cultura municipal. Trátase da obra de carácter popular coñecida como Menciñeiro á forza, que representarán o día 30 deste mes no salón de actos da Casa da Cultura en dous pases: un ás cinco e media da tarde e outro ás nove da noite”. Tamén anunciou que “xa con carácter máis relixioso o cura párroco de Vilanova vai celebrar o 24 de decembro ás doce da noite a tradicional Misa do Galo na igrexa de Nosa Señora de Valdeflores, en Lourenzá”.




















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



