Os mozos, de entre 10 e 12 anos, dispoñen de chándales oficiais para dar “imaxe de equipo e identidade”.
Cervo, 11 de abril de 2013-A Concellería de Deportes facilitou a adquisición de equipación oficial para os membros do de Club de Tenis Mesa de San Ciprián. En concreto, a delegación financiou a compra de 11 chándales para o mesmo número de compoñentes do club co obxectivo de “dar imaxe de equipo e deste xeito, apoiar e potenciar a práctica desta disciplina que vai gañando adeptos no noso municipio” tal e como explica o edil de Deportes, Luis Guilllén.
Unhas equipacións que xa comezaron a utilizar nos seus adestramentos e coas que, ademais desa estética unificada de equipo, conséguese identificar aos xogadores cun club. “Esta é unha das moitas iniciativas que poñermos en marcha para apoiar ao Club de Tenis de Mesa local e animar aos seus promotores e xogadores a manter a súa actividade” engade Guillén, que lembra que noutras ocasións o Concello xa puxo ao dispor do club diverso material e mobiliario para favorecer a práctica desta disciplina.
Nestes momentos, o club rexistra unha importante actividade, de forma que os seus membros, de entre 10 e 12 anos, adestran todas as semanas nas instalacións que teñen habilitadas na Casa do Mar. Ao mesmo tempo, tamén cabe lembrar que o club mantén contactos constantes con outros clubs de tenis de mesa da comarca e da provincia, de forma que nas últimas semanas visitaron os clubs de Ribadeo e de Viveiro e teñen preparada outra saída a Lugo. Ademais, os compoñentes do club de Ribadeo tamén estiveron de visita en San Ciprián. Destaca a celebración no mes de decembro do primeiro Torneo de Tenis de Mesa que tivo lugar no pavillón da Veiga.