Madrid, 22 de xaneiro de 2014.- A provincia de Lugo estivo representada na Feira Internacional de Turismo de Madrid con dúas presentacións sobre os destinos Lugo cidade e Mariña Lucense ás que acudiron axentes, operadores, prensa especializada e profesionais do turismo que se dan cita estes días na 34 edición deste certame.
En relación coas potencialidades turísticas do destino Lugo Cidade, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez comentou que o feito de ter un recurso con declaración de Patrimonio da Humanidade, unido á súa magnífica oferta de turismo urbano e cultural, así como ao turismo de saúde e mais ao paso do Camiño Primitivo pola cidade converte a Lugo en un destino con grandes posibilidades para a captación de diferentes segmentos así como para reducir a estacionalidade do destino.
A este respecto, explicou que Lugo experimentou entre xaneiro e novembro un incremento nas pernoitas contabilizadas do 8,6%. Segundo matizou, o mercado internacional na cidade subiu nese período máis dun 38%, a porcentaxe máis elevada de suba do turismo internacional dos destinos urbanos de Galicia. Ao tempo, lembrou que no ano 2013, máis de 6.800 peregrinos percorreron o Camiño Primitivo.
A respecto do destino Mariña Lucense, a directora de Turismo de Galicia incidiu na súa gran oferta vinculada ao patrimonio natural e á gastronomía de alta calidade, así como á artesanía. De igual modo, recalcou a aposta pola introdución na oferta turística de produtos innovadores e con gran potencial de diferenciación, como a Ruta en tren turístico dos Faros de Galicia, que recolleu un gran éxito nesta primeira tempada de funcionamento e que constitúe un modo moi singular de coñecer os recursos turísticos do territorio.
Ao tempo, comentou que máis de 13 mil peregrinos percorreron o Camiño do Norte, a terceira ruta en afluencia de peregrinos. Nava Castro incidiu ademais no feito de que entre xaneiro e novembro A Mariña rexistrou un incremento na cifra de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros do 25% en relación ao mesmo período do ano anterior.
De igual modo, resaltou as potencialidades dun destino que atesoura reclamos como a Praia das Catedrais, no primeiro lugar dos top 10 destinos de praia de España segundo Tripadvisor, ou a Semana Santa de Viveiro, con declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Nas presentacións das campaña da cidade de Lugo e da comarca da Mariña estivo tamén presente a delegada territorial de Lugo, Raquel Arias. Arias destacou “o forte incremento experimentado polo sector na provincia, á cabeza nesta subida dentro da comunidade ao longo do último ano”.
Referíndose á presentación da Mariña, máxica por natureza, Arias subliñou o esforzo realizado pola Administración autonómica, que a través dunha decena de programas e iniciativas “actuou de maneira importante, cóbado con cóbado co sector e cos entes da zona, para dinamizar o sector, sobre todo, fóra de tempada”.
Esta é a senda de progresión que queremos, agregou Arias, que indicou que a Mariña presentase en Fitur “como un destino de mar diferenciado, no que se conxuga gastronomía, artesanía, deportes activos e turismo mariñeiro”. Un destino que “agora está máis cerca”, grazas á nova autovía, e “que está innovando constantemente para ofrecer aos turistas alternativas ao sol e a praia para todas as épocas do ano”.























En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



