Foz, 11 de xullo de 2014. Francisco Alonso González, coñecido en Foz co nome de Guayana, será o encargado de pronunciar o pregón das Festas do Carme 2014. Farao este sábado 12 de xullo ás oito e media da tarde na igrexa parroquial, tal e como anunciou o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.
O rexedor municipal explicou que “este ano o pregoeiro será Francisco Alonso, coñecido por tódolos focenses co sobrenome de Guayana. Trátase dunha persoa nacida no barrio mariñeiro de Foz que aos 17 anos tivo que buscarse a vida e emigrar a Barcelona. Dende alí, dende a distancia, presume, coma outros moitos veciños nosos, de ser un focense máis”.
O alcalde incidiu en que “dende o Concello énchenos de orgullo saber que Guayana será o noso pregoeiro nestas Festas do Carme porque é unha persoa traballadora, comprometida e recoñecida no propio pobo, que cada vez que nos visita logra ser ben recibida e moi querida”.
Javier Castiñeira definiu a elección de pregoeiro como “un acerto” e agradeceu o traballo da comisión de festas que fixo posible que “Guayana estea mañá lendo ese pregón”.
As festas do Carme celebraranse en Foz ata o 16 de xullo, que será o día grande.