Burela, 17 de novembro de 2014. O Valedor do Pobo ven de arquivar a queixa presentada polo PSOE sobre o suposto pago indebido de dietas por parte do Concello burelés a dúas concelleiras do equipo de goberno.
Ese órgano da por concluído o expediente despois de que o Concello lle remitise un informe e diversa documentación relativa a esta cuestión, segundo informan desde o propio equipo de goberno no día de hoxe: “desde o Concello enviouse ao Valedor do Pobo, coa maior celeridade posible, a documentación que nos foi requirida, como non podía ser doutro xeito, porque nós entendíamos e entendemos que se seguiron os procedementos que marca a lei”.