Cervo, 10 de decembro de 2014- O Concello de Cervo entregou os cheques coas axudas ás ANPAS dos centros educativos do municipio. En concreto, as beneficiarias foron a ANPA do CEIP Cervo, a do CEIP Cervo nº1 e a do IES Marqués de Sargadelos. Cada unha delas recibiu 1.250 euros de apoio ás súas actividades e ao seu funcionamento, de forma que en total repartíronse 3.750 euros.
Unhas axudas que estas entidades poderán destinar a múltiples obxectivos, como por exemplo a financiar os gastos de actividades educativas, recreativas ou culturais, pero tamén para subvencionar gastos de funcionamento, conservación, mantemento e reparacións menores.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Educación, Pilar Armada, entregaron estas axudas aos representantes das ANPAS. Unhas subvencións que están pensadas “para colaborar e apoiar ao ensino regrado a través das asociacións de pais e nais, que fan unha función moi importante na mellora da educación”, asegura Armada.
Hai que lembrar que nos próximos días o Concello tamén entregará as axudas aos centros así como ás de transporte escolar para familias, mentres a semana pasada xa repartiu os cheques para material escolar e libros. Un conxunto de axudas que o Concello financia con fondos municipais, “facendo un esforzo pola educación, colaborando tanto coas entidades que a imparten como coas familias, tentando que entre todos podamos contribuír cun piar básico da nosa sociedade”, remata a edil.