Lugo, 10 de febreiro de 2015. O responsable de Cultura da Deputación e do Museo Provincial de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro; o presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro; e Carlos López Gil, en representación dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron este martes no Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos o contrato de compravenda a través do que a colección de 40 pezas de ourivería prerromana do filántropo lugués pasa a pertencer en propiedade ao organismo provincial. Así mesmo, os familiares do mecenas asinaron un documento a través do que se comprometen a non emprender ningunha acción de tipo legal ou xudicial contra o organismo provincial.
Mario Outeiro destacou que este acordo lle supón ás arcas da Deputación de Lugo “un aforro de preto de 5 millóns de euros, grazas a que os familiares cederon nos tres eixos nos que se fundamenta o acordo” e felicitouse de que por fin “se dean por rematados 15 anos de sucesivos desencontros entre a Deputación e os herdeiros, iniciados no 1999-2000 cando gobernaba en San Marcos o popular Francisco Cacharro Pardo”, recordou.
Predisposición da familia a negociar
O responsable de Cultura do organismo provincial agradeceu a predisposición da familia para chegar a este acordo. “Foron unhas negociacións marcadas pola boa sintonía coa familia, unha total discreción durante o desenvolvemento das mesmas, pero unha total transparencia de cara á oposición, tanto tralos acordos como dos desacordos. Agradézolles enormemente o ton directo e sincero mantido ao longo destes meses”, valorou Mario Outeiro. Sinalou que foi unha negociación “longa e intensa” de 19 meses, “encetada no mes de xuño de 2013 trala sentenza do Tribunal Supremo que determinaba a titularidade dos bens en litixio e o pagamento das custas procesuais por parte do ente provincial”, afirmou.
Outeiro cualificou o regreso desta colección de ourivería prerromana dunha “magnífica noticia para a cidadanía lucense que supera os límites provinciais, xa que recuperamos para o pobo galego un destacado tesouro do patrimonio material do noroeste peninsular”, manifestou o delegado de Cultura.
Restos de diversos puntos da provincia e de toda Galiza
Proseguiu Outeiro afirmando que “os bens en cuestión son o legado dos nosos devanceiros. Trátase de douradas pezas de arqueoloxía que, fóra do morbo do elemento metálico en cuestión, son indicadores dun pasado vizoso dos pobos do noroeste que conformaría posteriormente a Gallaecia romana ou xa despois o primeiro reino moderno de Europa, o Reino de Galiza. Restos de Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei ou Riotorto, pero tamén de Toques, Melide, Pontedeume, Boiro, A Estrada ou da Gudiña. Galiza enteira a maiores do enigmático Carneiro Alado, de incerta procedencia xeográfica pero dunha valiosísima execución artística”, concluíu Outeiro.
Agradecemento da familia a Mario Outeiro, que exerceu de interlocutor
Pola súa banda, Carlos López Gil agradeceu tamén este acordo á Deputación de Lugo, “porque no son tiempos fáciles para afrontar el gasto que supone un acuerdo como este y que siempre podría ser cuestionado, pero creo que el mundo de la cultura agradecerá en el futuro profundamente que hayan tomado esta decisión”, apuntou. O herdeiro fixo unha mención especial a Mario Outeiro, “porque solo él y yo sabemos las muchas horas y reuniones discretas que hemos tenido a lo largo de todos estes meses. Todo esto fructifica por la confianza que hemos tenido el uno en el otro”, salientou. Tamén tivo palabras de gratitude para os empregados do Museo Provincial de Lugo, a prensa, a súa familia e os avogados que dirixiron as negociacións.
Así mesmo, Carlos López Gil remarcou a importancia desta colección. “Me gustaría que en el futuro se le dé más importancia de la que aparentemente tiene, porque esta colección fuera de Lugo o de Galicia no es lo conocida que yo creo que debería ser. Espero que en el futuro, gracias a los medios de difusión que existen actualmente, se le dé la importancia que merece. Considero que esta colección tiene que representar para Lugo lo que representa la Dama de Elche para Elche o Las Meninas para Madrid”, finalizou o herdeiro do mecenas.
Acordo sustentado en tres piares
Finalmente, Outeiro lembrou os tres piares nos que se sustenta o acordo “que permite que hoxe regrese para sempre ao Museo Provincial de Lugo a colección de ourivería prerromana coñecida como Colección Álvaro Gil”. Por unha parte, “procédese ao aboamento aos herdeiros de Álvaro Gil das cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais, derivadas dos procedementos relacionados coa colección, por un importe de 600.000 euros tras a xustificación documental pertinente por parte dos secretarios dos tres órganos xudiciais, 1ª Instancia, Audiencia e Tribunal Supremo. É dicir, 94.000 menos dos que se determinou xudicialmente”, salientou.
O segundo piar fai referencia “á renuncia a establecer calquera acción, administrativa ou civil, que puidera ter lugar en relación coa colección que se transmite, desistindo dos que se iniciaran e, concretamente, desistindo do iniciado con data 30 de maio de 2014, ante a Deputación Provincial de Lugo, en concepto de reclamación de responsabilidade patrimonial por danos e prexuízos, renunciando a calquera dereito que lles puidera asistir en tal concepto. Hai que salientar que con esta renuncia a Deputación de Lugo aforra 2.762.000€, que era o que a familia tiña valorado como danos e prexuízos”.
E, por último, “e sen dúbida o máis importante, a propia adquisición da colección de ourivaría, da que se incoou expediente para declaración de BIC no outono pasado (DOG de 23 de outubro de 2013), polo importe da taxación encargada pola Excma. Deputación Provincial, é dicir, 2.346.200 € en cinco anualidades comezando no 2014 e rematando no 2018”, confirmou.
Débeda histórica
O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que co regreso da colección de ourivería de Álvaro Gil ao Museo de Lugo a institución conseguiu “saldar outra débeda histórica coa provincia; unha máis”, pois o legado do mecenas “pasa a ser para sempre patrimonio de todos os lucenses”.
“Fomos capaces de facer unha oferta pública, clara e transparente, de cara ao cidadán”, explicou Besteiro, engadindo que o acordo coa familia foi froito “do compromiso e do traballo que realizamos conxuntamente todo o Equipo de Goberno. A área de Presidencia sumou esforzos coa de Cultura; todos nos implicamos, tamén os funcionarios desta institución”, aos que agradeceu a súa labor no proceso.
Despois de saldar débedas históricas coa provincia como a dotación de parques de bombeiros, o pago de 11 millóns de euros do canon hidroeléctrico, a transferencia dos hospitais, a construción da sede da UNED en Lugo ou o uso público do pazo de Tor, “hoxe podemos saborear este novo éxito ao recuperar para os lucenses o legado de Álvaro Gil, pero non nos esquecemos de todos os retos que aínda temos por diante”.
Neste senso, o Presidente recalcou que na Deputación “non nos rendemos ante outras inxustizas que quedan por resolver en Lugo, aínda sendo competencia doutras administracións”. “Seguiremos loitando para que a provincia teña Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica 24 horas; prazas públicas de residencia; pola posta en valor do antigo Hospital; e polo impulso de infraestruturas fundamentais, como os corredores da Costa e Monforte, ou as autovías a Santiago e Ourense”, afirmou.




















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



