A cova do Rei Cintolo protagoniza unha Unidade Didáctica na que teñen colaborado o Concello de Mondoñedo, o IES San Rosendo de Mondoñedo e a Deputación Provincial co fin de acadar un maior aproveitamento das visitas á cavidade por parte dos centros educativos.
A elaboración da unidade correu a cargo dos profesores do IES San Rosendo: María del Carmen Cerviño Gómez, Óscar Engroba Sal e José Ramón Pavón López.
A área de Cultura e Turismo e a área de Medio Ambiente do Concello de Mondoñedo coordinaron a edición e prepararon a maqueta sendo o encargado destes traballos o arqueólogo Abel Vigo. Xa, por último, a Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo afrontou o financiamento.
A unidade didáctica abrangue tres áreas relacionadas coa cova: xeoloxía, bioloxía e arqueoloxía na que se inclúen contidos teóricos e actividades prácticas relacionadas con cada unha das áreas. E, na mesma tamén se inclúe un importante apartado gráfico así como zonas interactivas a través da inclusión de códigos QR para poder descargar da web imaxes, vídeos ou ferramentas.
Esta unidade é un complemento para as visitas guiadas que poidan facer centros educativos á cavidade e xunto con esta nova ferramenta didáctica comeza unha campaña de achegamento aos centros de ensino medio para facilitarlles aos profesores/-as das áreas implicadas a mesma, poñela ao seu dispor e potenciar as visitas á cova do Rei Cintolo como unha actividade extraescolar dun alto interese académico.
Campaña visitas guiadas 2015
A vindeira fin de semana a Cova do Rei Cintolo volta abrir a porta para recibir a todas as persoas que desexen realizar unha visita turística pola cavidade máis grande de Galicia. O día de apertura será o domingo 15.
Nos vindeiros meses, ata xuño e incluído este último, tan so abrirá as fins de semana co seguinte horario:
– Venres: 17.00 horas
– Sábado e domingo; 12.00 horas e 17.00 horas
En Semana Santa as visitas serán xoves, venres sábado a domingo (de 2 a 5 de abril) en quendas de 12.00 horas e 17.00 horas.
Lembramos que para levar a cabo a visita deberase chamar con antelación á Oficina de Turismo de Mondoñedo; 982 507177. O prezo por persoa son 15 euros. Os grupos para entrar son minímo de catro e máximo de dez. Recomendase levar roupa vella, calzado de goma e unha muda, o resto do material é aportado pola organización.