Barreiros, 31 de marzo de 2015. O pleno celebrado onte no Concello aprobou a liquidación de 2014 “que é moi positiva”, segundo o alcalde, Alfonso Fuente. O rexedor dixo que a situación económica do Concello mellorou e subliñou a calidade e a rapidez coa que se atende aos maiores de Barreiros a través do plan concertado de servizos sociais. Na actualidade 18 persoas traballan no servizo de axuda no fogar.
O rexedor explicou que “un dos puntos que tíñamos na orde do día do pleno era a liquidación do presuposto de 2014, que é moi positiva dado que, si ben a do ano anterior practicamente todo nos daba en negativo, este exercicio despois de facer unha serie de axustes, mantendo todos os servizos e axudando a todas as asociacións, a todos os clubs e a todos os veciños seguindo prestando os servizos, si puidemos axustar eses resultados. E a liquidación é moi positiva, simplemente nos queda en tesourería un resultado negativo de 33.000 euros, pero que se poden axustar sen ningún problema. Tamén nesa liquidación aparecía que estamos pagando cuns días por encima do que nos manda o Ministerio, pero hai que dicir que a 31 de decembro nos adebedaban ao Concello 594.000 euros, dos que 300.000 son da recadación ordinaria que nos fai a Deputación Provincial e que aínda non nos tiña liquidado e 224.000 de distintas subvencións, tanto da Xunta de Galicia como da Deputación Provincial. Polo tanto, se tivéramos cobrados eses 594.000 euros seguramente puidéramos cumprir co período medio de pago”.
Fuente Parga dixo que “ingresamos xa máis que gastamos, estamos en bo momento e a economía do Concello vai saír adiante sen ningún problema. Tamén se deixou constancia de que non se pode, e menos nesta época electoral na que xa estamos, é estar mentindo á xente. Onte mesmo recollíamos as palabras de Antonio Veiga do día 28 de xaneiro nunha entrevista na Cope na que dicía que a débeda do Concello de Barreiros era de 5 millóns de euros, cando iso é mentira. Mentiu, porque non é de 5 millóns de euros, é de 2.400.000 euros, que é o préstamo que temos con pago a provedores, un préstamo que se vai ir liquidando, como fai calquera veciño. Iso utilizouse para facer investimentos e mellorar os servizos para todos os veciños e veciñas”.
E engadiu: “polo tanto non hai ningún problema e incluso o goberno do Estado está axustando os tipos de interese, vamos pagar neste ano 70.000 euros menos en intereses. Polo tanto ao final vamos pagar a débeda practicamente a interese cero. É dicir, fixemos investimentos a interese cero. Eu creo que é unha boa xestión e se non fixéramos eses investimentos non teríamos eses préstamos, co cal os veciños e veciñas non terían as prestacións que teñen a día de hoxe. E iso é o importante”.
Na sesión plenaria de onte “tamén falamos da aprobación do plan concertado, que é a axuda que pedimos á Xunta de Galicia todos os anos para manter os servizos sociais, esas 18 persoas que día a día van ás casas a atender á xente que o necesita. O Concello aposta seriamente por manter ese servizo e incluso ampliar horas naquelas casas que o necesitan para axudar aos nosos maiores a que poidan seguir vivindo nas súas propias casas. Eu creo que iso é moi importante, é unha aposta que se leva facendo dende hai uns anos. Hai que destacar que no noso concello ningunha familia desde que fai a solicitude de axuda a domicilio, desde que presenta todos os documentos, nunca se tarda máis de 15 días en prestarlle o servizo; incluso se a traballadora social valora que é urxente moitas veces no día seguinte a presentar toda a documentación xa lles estamos prestando o servizo. E se temos que ter 18 ou 20 ou 25 persoas para prestar ese servizo vámolo seguir dando, porque cremos que é un dos máis importantes”, relatou o alcalde barreirense.
Alfonso Fuente tamén se referiu ás mocións presentadas pola oposición: “tíñamos dúas mocións do BNG: unha con respecto ao saneamento das parroquias interiores e outra sobre o San Esteban do Ermo. Con respecto ás parroquias interiores, coma sempre chegan tarde, porque pídeno cando xa dende o Concello se está traballando. Eu levo tempo reiterando que primeiro había que actuar nas zona máis sensible, que é a da costa. Non podíamos ter vertidos que foran parar ás nosas praias, porque evidentemente non podemos esquecer que, independentemente da gandaría e o agro que temos no noso concello, o turismo é o sector máis importante. Polo tanto non podíamos castigar a nosa costa con vertidos e por iso había que actuar nesa zona máis sensible. E agora toca actuar na zona interior, de feito xa hai unha empresa traballando e recollendo datos para facer eses saneamentos, porque primeiro hai que facer o anteproxecto, logo sobre iso hai que facer o proxecto, adquirir os terreos que sexan necesarios e executar eses proxectos. Polo tanto, como xa están traballando, non houbo ningún inconveniente en aprobar unha moción que simplemente é rutineira. E con respecto ao San Esteban do Ermo o que se pedía era que se axilizaran os trámites para recoñecer ese espazo natural de interese local (Enil). Aí o que se fixo foi incluílo no plan xeral que está a piques de rematarse, non o entregou o equipo redactor no Concello aínda pero está moi avanzado. Incluíuse este Enil porque así as aprobacións serían conxuntamente a do plan xeral coa dese espazo natural de interese local e irían máis áxiles. E, por outro lado, era investigar a propiedade dunha serie de terreos, traballo que xa se fixo desde o Concello e eses terreos son municipais”.




















O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.



