Bruxelas, 14 de Maio 2015.- Na mañá deste xoves a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, o deputado de AGE Antón Sánchez e o candidato de Lugo Novo á alcaldía da cidade, Santiago Fernández Rocha aportaron en rolda de prensa (Lugo) unha análise dende o plano europeo, galego e local das consecuencias que está a ter a liberalización do sector leiteiro logo do fin do sistema de cotas.
Lídia Senra encetou a súa intervención sinalando que “nos vindeiros dez anos vaise dar unha concentración moi forte da produción nalgúns países”, “máis da metade dos estados da UE van perder produción e o Estado español vai ser un deles”, consecuencias que se corresponden ca implantación do actual modelo no que as políticas públicas están ausentes, favorecendo a concentración da produción en empresas leiteiras de tipo industrial.
“Nuns anos, 15.000 grandes explotacións de 1.000 vacas van producir o que agora 650.000 en toda UE”, alertou, “non é casual que neste momento estea habendo una loita en Francia para impedir que se instale unha granxa de mil vacas”.
A eurodeputada galega deu conta das accións postas en marcha dende o Parlamento Europeo onde, antes da finalización do sistema de cotas “presentamos unha proposta de resolución para pedir que se dera o debate no Parlamento e que tanto esta institución como a Comisión e o Consello reflexionaran e deran marcha atrás”, voltando a “unha política pública que contemple a regulación da produción e o mercado” situando o prezo do leite “no centro das políticas europeas”, para que deste xeito “poda haber moitas produtoras e produtores de leite na UE para manter un medio rural vivo”.
Esta iniciativa está bloqueada a día de hoxe, polo que Senra ten solicitada unha entrevista con Martin Schulz, presidente do Parlamento, “para coñecer os motivos polos que está parada esta proposta de resolución malia a cumprir cos requisitos precisos para ser debatida”, é dicir, estar apoiada por alomenos 10 eurodeputadas/os de 3 grupos políticos distintos. Paralelamente, dende AGEe estase traballando por incluír unha pregunta oral relativa á situación do sector leiteiro para ser debatida en sesión plenaria, iniciativa arestora freada tamén, neste caso na Conferencia de Presidentes.
O traballo por abrir o debate sobre que medidas se poden aplicar para facer fronte á crise do sector leiteiro estase desenvolvendo tamén a nivel do Goberno estatal, onde está solicitada unha xuntanza coa Ministra de Agricultura María Isabel García Tejerina, para que o deputado de AGE Antón Sánches e a deputada de AGEe Lídia Senra, podan abordar con ela a situación do sector. “Pero contestaron que ten a axenda ocupada… Se pode ir de campaña electoral tamén debería ter oco para buscar solucións para o sector leiteiro”, apostillou Senra.
Polo tanto, en canto á posición do Estado español, “se non dan resposta é que están dacordo co que quere plantexar a Comisión, cos “mercados de futuros”, que é a especulación pura e dura”, unha pauta comercial baseada na acumulación estratéxica de produción que “conseguiuse parar cando meteron o paquete lácteo; pero lograron meter o contrato obrigatorio, que é imprescindible para que inversores e grandes empresas actúen no mercado de futuros, por iso presionan para que se cumpra esta parte do paquete lácteo, a dos contratos sen prezo mínimo, porque se teñen contrato teñen leite, e logo xogan co prezo que consideran oportuno”.
O deputado de AGE Antón Sánchez, pola súa banda, salientou que a nivel galego “o Partido Popular (PP) está facendo políticas de desmantelamento do rural e do agro”, xa que “non se entende que cos datos que hai de abandono, envellecemento e peche de explotacións sega insistindo nas mesma políticas”. Ademais, lembra que por parte da Xunta de Galicia “non se fixo ningún plan estratéxico para valorar o impacto nas pequenas e medianas explotacións, nin se introduciu no PDR (Programa de Desenvolvemento Rural) medidas para contrarrestar os efectos negativos”.
Abondando no abandono do medio rural por parte do PP, Sánchez reiterou que dende o Goberno galego “non se fixeron os deberes”, desbotando a oportunidade de ter elaborado leis ou normativas “para evitar o abuso da posición de dominio da industria sobre os gandeiros e gandeiras, sometidos nestes momentos á extorsión dos contratos sen prezo mínimo con condicións impostas pola industria”. E, con respecto á eficiencia do modelo produtivo, “tampouco desenvolveron políticas para que o sector gandeiro puidera producir en base á terra en lugar de orientarse á produción intensiva baseada no consumo de pensos, nin crearon un complexo de transformación do leite en produtos derivados”.
Ademais, advertiu que con motivo das eleccións locais, “Feijoo está voltando a facer anuncios electoralistas similares aos que fixera con Alimentos Lácteos”, un proxecto “propagandístico” onde, lembrou, “despilfarrouse o diñeiro público para poñer á fronte do proxecto a dous dirixentes do PP que o levaron á ruina, deixando ademais ás cooperativas de lado”.
Agora, concluíu, diante dunha crise que pode provocar a desaparición do actual sector leiteiro, e tras evidenciarse a inoperancia e desleixo do PP con respecto ao medio rural, a Xunta non so abandona aos gandeiros/as “á súa sorte”, senón que “inda por riba culpabilízaos da súa situación dicíndolles que o problema é que como non se asocian non son competitivos, é o colmo da desvergoña”.
O candidato de Lugo Novo á alcaldía da cidade, Santiago Fernández Rocha, achegou pola súa banda as consecuencias concretas que a liberalización do sector leiteiro terá en concellos como o de Lugo, que conta cunha cabana gandeira de 6.800 vacas leiteiras, “que producen 45 millóns de litros ao ano e facturan 14.500.000€ anuais”.
Fernández reivindicou a importancia deste sector para un municipio como Lugo, onde están ubicadas 213 explotacións “que dan emprego a 1.300 persoas que viven do leite, é dicir, que xeran tres veces máis emprego que Ingapan, a empresa do Concello que conta con máis traballadores/as”.
Pero non só os empregos directos vinculados á produción leiteira contan cun grande peso no concello, tamén os indirectos “este sector é importantísimo porque dinamiza a economía do propio concello, como pode ser o pequeno comercio, e se entra nunha crise irreversíbel vainos afectar moitísimo”.