Mondoñedo acollerá o vindeiro sábado 27 de xuño a clausura das Escolas Deportivas no Pavillón Viñas da Veiga a partir das 22.00 horas cunha gran cea baile á que acudirán preto de 500 persoas que poñerán fin ó ano deportivo 2014-2015 con esta festa.
A presentación desta xornada de despedida das Escolas Deportivas que organizan os Concellos de Lourenzá e Mondoñedo xunto ós clubs Mondoñedo FC e ED Lourenzá tivo lugar este luns coa presenza da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia López; a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García; o concelleiro de Deportes de Mondoñedo, Manuel Tapia Rivera; o concelleiro de Deportes de Lourenzá, Francisco Dasilva Rivas; un representante do Mondoñedo FC, Alberto Ares Otero; e o presidente do ED Lourenzá, Pablo Maseda Fernández.
Este é o cuarto ano de funcionamento en convenio en determinadas categorías deportivas; e os alumn@s das Escolas acudirán invitados á mesma e de forma gratuíta, así como o Mondoñedo CF, ED Lourenzá Atletismo e ED Lourenzá Ciclismo.
O programa de actos dará comezo ás 22.00 horas cunha cea de confraternidade para todos os alumn@s das Escolas Deportivas Lourenzá Mondoñedo.
O resto do público que queira acudir terán entradas á venda ata o mércores 24 de xuño no Morrigan e Ana Sport -en Lourenzá- e O Rincón, La Alianza e A Fonte Vella -en Mondoñedo-. (Ticket Adulto: 10 euros, ticket Infantil: 5 euros).
Ás 23.00 horas o pavillón acollerá a clausura oficial e entrega de premios e agasallos. Despois das 23.30 horas a festa continuará coa animación dunha discomóbil.