Burela, 11 de setembro de 2015.- Tras o anuncio da Xunta de autorizar un crédito de 12,8 millóns de euros para contratar a ampliación do Hospital da Costa o alcalde burelés, Alfredo Llano, agarda que se pase das palabras aos feitos, di que si é verdade é unha moi boa noticia, pero lembra que ese anuncio xa se realizou noutras ocasións por parte do presidente galego. E engade que a súa formación, o PSOE, seguirá a loitar para conseguir un área sanitaria propia na Mariña.
O rexedor declarou: “parécenos interesantísimo, porque sempre reclamamos unha ampliación do hospital, unha adecuación ao servizo que se pretende na Mariña, que teña características de hospital xeral máis que de comarcal. Defendemos sempre, e seguiremos facéndoo, a área integrada sanitaria propia da Mariña, porque consideramos que está máis que xustificado que esta comarca teña unha área sanitaria propia por circunstancias como a poboación e elementos de risco, como o turismo, que sempre xustifican que este hospital teña todo tipo de autonomía, tanto sanitaria como económica e de funcionalidade”.
Llano lembrou que “esta obra xa se anunciou na anterior lexislatura e agora estamos chegando ao remate da segunda e séguese anunciando a ampliación do hospital. Agora parece ser que hai un crédito e xa se ten cuantificado de xeito case definitivo, pero isto evidentemente ten que aparecer nos orzamentos do ano que vén. E hai que ver en capítulos e que partidas se van destinar cada ano para realizar esta obra”.
O alcalde burelés insistiu: “a nosoutros parécenos extraordinario e creo que é unha boa noticia se realmente se chega a facer, que non sexa o conto da boa pipa, que nunca se acaba. Estaremos atentos e favoreceremos que esta obra vaia para diante. Evidentemente contamos con que esta vez sexa a definitiva e que realmente se poida facer, porque este anuncio fíxose dentro dun contexto de caos que hai agora mesmo en Galicia, polo que calquera cousa que se diga en positivo cae perfectamente ben. Pero, dado que a sanidade está sendo agora mesmo moi cuestionada polo modelo sanitario que se está ofertando desde a Xunta e outros problemas que está habendo, como cos gandeiros, etcétera, que se veña anunciando isto agora teremos que ver se é verdade ou non”.
E engadiu: “de momento nós collemos con ledicia esta noticia e apoiaremos e vamos procurar axudar nesta iniciativa, pero primeiro temos que saber en que termos vai saír nos orzamentos, que prazos vai haber, etcétera. Todos os anuncios que se fixeron anteriormente viuse que non serviron de nada, polo que a ver si este é o definitivo. Entonces estamos cos brazos abertos”.