Burela, 18 de setembro de 2015.- A Semana da Mobilidade continúa en Burela con multitude de actividades. Este venres os alumnos de 1º da ESO do IES Monte Castelo gozaron dos karts. Por outra parte, os alumnos de 4º de Primaria do CEIP Vista Alegre participaron na actividade Paseando ao colexio, unha acción que pretende fomentar que os escolares vaian camiñando aos centros de ensino. Os alumnos foron a pé ata o Concello, visitaron as dependencias, recibiron unha charla de educación viaria impartida pola Policía Local e foron recibidos polo alcalde e a concelleira de Medio Ambiente, Alfredo Llano e Noelia María Ben. Ademais recibiron un conto de educación viaria doado pola Fundación Mapfre e volveron ao colexio tamén camiñando.
Outra das actividades deste venres foi unha charla de educación viaria impartida pola Policía Local de Burela a alumnos de 4º da ESO do IES Monte Castelo, centrada na seguridade tanto en desprazamentos a pé, en bicicleta ou en ciclomotor. “Coas charlas de educación viaria, dirixidas tanto a alumnos de Primaria como da ESO, o Concello pretende que os máis novos entendan a necesidade de respectar as normas de circulación, como o casco, o cinto de seguridade ou cruzar correctamente, xa que o seu uso pode salvar vidas”, explicou a edil de Medio Ambiente.
Este sábado, 19 de setembro, terá lugar na praza da Mariña entre as 11:30 e as 13 horas Xadrez na rúa, de 13 a 14 horas no mesmo escenario haberá unha jam session e xa pola tarde de 17:30 a 18:30 horas taller de maquillaxe e globoflexia, impartido polas monitoras de Gaia.
O domingo, 20 de setembro, desde as 9 da mañá ata as 22 horas estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre as interseccións das rúas Curros Enríquez e Eijo Garay. Esa xornada haberá unha mesa informativa e recollida de alimentos a cargo de Mulleres en Igualdade; terá lugar a ruta Camiña por Burela, organizada por Pasada das Cabras e ás 13:00 horas na praza da Mariña terá lugar unha actuación da Coral Polifónica de Burela. Xa pola tarde haberá moitas actividades: Palillando na rúa, xogos deportivos ao aire libre, fútbol na rúa, talleres de manualidades e Dispara a gol, que é unha portería inchable de Burela FS e na que participarán os seus xogadores e xogadoras na praza do Concello. Ás 18 horas na praza da Mariña haberá unha merenda infantil patrocinada pola Acia de Burela, despois actuación de Batuko Tabanka, Aman e Rabentola.
As actividades da Semana da Mobilidade seguirán ata o 22 de setembro.