Burela, 8 de outubro de 2015.- Este xoves, o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos, Ramiro Fernández, acompañado de Noelia Ben, concelleira de Medio Ambiente e do arquitecto municipal, Miguel Ceniceros, mantiveron unha xuntanza en Santiago co xefe da sección de Obras de Augas de Galicia, Juan Álvarez de Gabriel, para analizar o funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Burela.
Os representantes do Concello transmitiron durante a reunión a preocupación, “despois de facer varias visitas á instalación e de coñecer de primeira man o problema, polo deficiente funcionamento da mesma debido á grande cantidade de auga que ten que tratar, e a necesidade de facer unha actuación urxente nesta instalación para poder adaptala á normativa europea en materia de depuración de augas”.
Segundo explicou Ramiro Fernández “dende Augas de Galicia manifestaron ser coñecedores do problema da EDAR de Burela e mostraron o seu compromiso de actuación na mesma unha vez se descartou o cambio de ubicación da instalación debido a que Portos non accedeu a ceder os metros necesarios na explanada portuaria para a construción dunha nova EDAR, aínda que si ceden os terreos adxacentes á instalación actual para poder realizar unha ampliación da actual EDAR e así poder facer un pre-tratamento das augas que chegan á EDAR, tal e como marca a normativa europea. Dende Augas de Galicia definiron como prioritaria esta actuación e mostraron o compromiso de que se van poñer a traballar á maior brevidade para empezar co proxecto da instalación unha vez clarificada a ubicación”. E engadiu que “tamén nos invitaron a facer unha visita á EDAR de Malpica (Coruña) que sería un proxecto parecido ao que se vai a facer en Burela para coñecer de primeira man a instalación e ver as súas características, esta instalación está na súa fase final de execución e servirá para ver como será o funcionamento da futura EDAR que se fará en Burela”.
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos contou que “se aproveitou esta visita para pedir a colaboración de Augas de Galicia na separación de augas pluviais das residuais naquelas zonas nas que sexa posible e nos que a súa dificultade non sexa excesiva para poder así evitar no máximo posible a auga de choiva que se teña que tratar na EDAR, proposta á que se nos respondeu que se podería estudar sempre que o custe económico non sexa moi elevado e que a actuación en si poda ser unha solución real e demostrable ó problema da xestión da auga”.
Desde o equipo de goberno do Concello de Burela cualifican a xuntanza como “moi positiva e mostramos a nosa satisfacción polo que podería ser unha solución definitiva aos problemas que se veñen arrastrando dende fai anos coa depuración de augas residuais no pobo, e queremos tamén agradecer a comprensión por parte de Augas de Galicia do problema existente e da súa disposición a buscar a unha solución ao mesmo no menor tempo posible”.