O grupo municipal socialista ven de presentar unha moción, para debater no pleno da semana que ven, relativa ó respecto á diversidade, coa que pretendemos que o Concello de Ribadeo poña en marcha unha serie de medidas para a normalización, visibilización e integración plena das persoas LGTBI no municipio. Para a elaboración desta moción, como non podía ser doutro xeito, contaron ca colaboración de dúas agrupacións representativas deste colectivo: a Asociación 7 Cores, de Santiago de Compostela, e a Federación LGTBI Arco Iris, de Andalucía.
O PSOE caracterízase moi especialmente pola súa defensa da liberdade e dos dereitos de todas as persoas. É por iso que non queremos deixar pasar mais tempo sen reclamar o respecto a todas as persoas con independencia da súa identidade de xénero e/ou orientación sexual. Por desgraza, os
datos amosan que queda moito camiño que recorrer nun ámbito de tanta importancia como é a igualdade e por iso é necesario que todos e todas demostremos o noso respecto ós demais non só no noso trato persoal senón poñéndoo de manifesto publicamente, mais aínda desde as institucións,
porque non fai falla ser a causa para apoiar a causa; porque aspiramos a unha sociedade libre e respectuosa, sen violencia de ningún tipo contra ninguén; porque para construír un concello mellor para todos e todas temos que empezar por respectarnos, por vivir en igualdade; porque queremos facer de Ribadeo un referente no respecto á diversidade para residentes e para visitantes.
O vindeiro día 17 de maio, coincidindo cunha data ben sinalada para os galegos e as galegas, celébrase o día internacional contra á homofobia, transfobia e bifobia. Para ese día, o Concello de Ribadeo debería ter aprobada a moción que presentamos e ter empezado a poñer en marcha as medidas que suxerimos. Nós, pola nosa parte, celebraremos o dezasete de maio non só orgullosos e orgullosas dos e das escritoras galegas, senón tamén cunha xornada de reflexión e debate para romper ca discriminación na que contaremos con dous activistas do colectivo LGTBI que nos falarán do activismo como cambio do motor social e sobre o qué son e cómo combater os prexuízos e estereotipos. Esta xornada correrá a cargo de Gonzálo Diz, coordinador da Asociación 7 Cores, e Mariano Beltrán, psicólogo.