Mondoñedo, 6 de maio de 2016.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo agradece a decisión de Correos de crear un cuño especial cuxo motivo é a Catedral da localidade e considera que esta feito contribuirá á difusión “dunha gran xoia arquitectónica”, xa que esta imaxe acompañará aos peregrinos nas súas Compostelás.
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, participou esta mañá no acto de presentación do cuño turístico Cidade de Mondoñedo, que se celebrou ás 12 da mañá na Oficina de Correos.
A rexedora considera “moi positiva” esta decisión para a promoción da localidade ao tempo que engade que coa “suma de feitos coma o de hoxe lograremos incentivar Mondoñedo e trasladar o seu atractivo turístico”.
Neste caso, a través deste cuño especial para visitantes e turistas “conseguiremos a difusión dunha xoia arquitectónica de Galicia, que combina os estilos románico, gótico e barroco dun xeito excepcional”.