Cervo, 18 de maio de 2016.- A Lei do Solo de Galicia, actualmente en fase de redacción por parte da Xunta, foi un dos temas abordados por parte do comité executivo da FEGAMP, do que é vicepresidente primeiro o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e que se reuniu este mércores en Outeiro de Rei.
Alfonso Villares subliña que este mércores “decidimos desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ter a nosa reunión mensual do comité executivo neste caso en Outeiro de Rei, recordando a figura de Manuel María, que foi o noso poeta galeguista co que conmemoramos o Día das Letras Galegas. Aquí estamos en Outeiro de Rei celebrando esta reunión do municipalismo galego”.
Villares salienta que “coma sempre, abordáronse cuestións que son importantes para os nosos veciños, asuntos como por exemplo a Lei do Solo que agora mesmo se está a redactar pola parte da Xunta de Galicia”.
O rexedor cervense explicou que “expuxéronse as distintas alegacións que fixeron moitos dos concellos galegos ante esta lei, que ao fin e ao cabo son as que máis se teñen que ter en conta porque son as que veñen por parte dos concellos cara a unhas normas como as das Lei do Solo, que realmente son os concellos os que teñen as competencias nelas”.
Villares engade que “tamén hai máis cuestións do día a día da Federación que hoxe tratamos e expuxemos neste comité executivo e das que dimos conta aos distintos alcaldes que ata aquí se acercaron e que forman parte deste comité”.