Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2016-. A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou o seu rexeitamento ao Decreto de atención cidadá que, segundo anunciou o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixó, deixará de ter o galego como lingua preferente da administración.
En rolda de imprensa, o presidente da Mesa sinalou que Feixó utiliza o galego para rabuñar o sector máis extremista e intrasixente do electorado, sen dubidar en utilizar a mentira e os prexuízos para o galego o que demostra un nível de irresponsabilidade tan grande que moralmente está inhabilitado para gobernar.
Aínda que o texto do novo decreto só se coñece polas declaracións do presidente da Xunta, os seus precedentes de odio ao galego son suficientes para pórse no peor dos casos e prever un novo decretazo de odio ao galego e a Galiza. “Feixó comezou o seu primeiro mandato actuando contra o galego no ensino e quere rematar derrogando pola porta de atrás a Lei de Normalización Lingüística e todos os acordos tomados por unanimidade favorábeis ao galego”, sinalou o responsábel da Mesa, que engadiu que “o lamentábel é que o faga para rabuñar unha presada de votos fanáticos” , polo que pediu ás persoas moderadas que votan ao Partido Popular e mesmo aos cargos públicos que realmente queren Galiza e a súa lingua, que mostren publicamente o seu rexeitamento a esta nova campaña de galegofobia e o seu apoio á lingua que nos une. “Lingua e dignidade colectiva van unidas, e coa dignidade das galegas e galegos non se pode mercadear”, afirmou.
“As propostas electorais deberían ser para mellorar a situación de Galiza, ligada ao seu idioma e maior creación, non para ver como se destrúe o pouco que se avanzou, como fai Feixó en relación ao idioma”. “Alguén imaxina un responsábel político falando de como liquidar a sanidade pública en plena campaña? Pois iso é o que fai Feixó coa saúde lingua galega”, afirmou.
Para cando Feixó blindará os dereitos das persoas galegofalantes
O presidente da Mesa cualificou de “asneira” impropia do máximo responsábel da Xunta, falar de “blindar os dereitos dos castelanfalantes” cando é o primeiro que debería saber que a administración xa garante a atención en castelán, “blindada non só pola lexislación galega senón pola propia Constitución Española que sitúa como linguas inferiores en dereitos e deberes ás linguas propias e mentres a mesma administración non garante e vulnera sistematicamente o dereito a atención en galego”.
“Até tal punto é así que nas queixas recibidas pola Liña do galego no 2015, o 50% tiñan relación coa administración”, asegurou.
Impresos bilingües español- inglés nos colexios
A Mesa sinalou exemplos concretos, acontecidos só na última semana, de exclusión do galego nos servizos públicos: “estes días nais e pais de toda Galiza están a recibir o impreso de domiciliación dos comedores escolares en perfecto bilingüe español-inglés”declarou mentres mostraba copia do impreso; mostrou fotografías da información a doentes no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ou nun centro de saúde, só en castelán; e asegurou ademais que até hai uns meses o SERGAS excluía o galego da súa conta de Twitter até que a Mesa se dirixiu a eles para que mudasen ese comportamento. Todos os días a administración mostra actitudes de desprezo ao galego e en vez de corrixilas, como é a súa obriga, o presidente da Xunta anuncia “blindaxes para o castelán”. Para cando Feixó blindará os dereitos das persoas galegofalantes?, preguntouse.
Lembrou tamén como a propia Mesa foi multada por reclamar respostas en galego pola Axencia Tributaria nun procedemento iniciado en galego pola propia entidade en defensa do idioma, e como tivo que soportar ano e medio de recurso até gañar sen que a Xunta movese un dedo para corrixir unha situación que lle pode acontecer a calquera cidadá.
“Onde está a oferta positiva en galego que indicaba o PXNLG?”
Maceira repasou a situación do galego en varios sectores: hai cidadás e cidadáns aos que se lle impede falar galego nos xulgados; só o 5% dos xuices utilizan o galego sen qeu o 95% restante teña obriga sequera de coñecer o galego; existen limites legais para que as empresas galegas exporten etiquetando en galego, o Estado español conta con máis de 500 de disposición legais que obrigan ao uso do español mentres a pouca lexislación favorábel ao galego se vulnera constantemente con decretos coma este.
Citou expresamente a escasa lexislación a favor do galego, tamén na administración, como a Lei de Normalización Lingüística, que no seu artigo 4.1 sinala: O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma; no artigo 22: O Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega”; e no 23: O goberno galego establecerá unha plan destinado a resaltar a importancia da lingua (…) e a pór de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión. “Este Plan é o PXNLG que ía impulsar unha inexistente oferta positiva en galego na administración”, afirmou o presidente da organización para a normalización do galego.
“Coas declaracións á saída do Consello da Xunta asume Feixó a dirección o proceso de normalización? “mais ben parece a lapidación do idioma”, afirmou.
O presidente da Mesa reiterou que fronte á sobreprotección do español, a cidadanía que quere falar na lingua propia de Galiza está absolutamente indefensa pola desidia e desleixo dunha Xunta que non só non actúa senón que cando o fai vai directamente en contra do galego, sementando falsidades e prexuízos que só contribúen a danar aínda mais a xa precaria situación.
Onde están os dereitos das e dos galegofalantes? Cando se preocupou o Presidente da Xunta de “blindar” os seus dereitos?
Mobilización social a favor do galego
A Mesa pediu tamén que a “enorme mobilización social a favor do galego dos últimos anos se exprese nas urnas optando por opcións que aposten pola lingua de Galiza e por cumprir cos acordos acadados colectivamente”.
O responsábel da entidade indicou que agardarán a coñecer o contido exacto do decreto anunciado onte por Feixó, “para estudar as accións que tomaremos sen descartar, por suposto as legais e a mobilización social, mais temos o 25 de setembro unha oportunidade para expulsar o odio ao galego da institucións”.

















O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.



