Ribadeo, 6 de marzo de 2018. A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo organiza dúas actividades, unha sobre a Plataforma É-Saúde e outra sobre Seminarios TIC. Terá lugar do 19 ao 22 deste mes de marzo.
O 19 de marzo será a presentación da Plataforma É-Saúde. A actividade desenvolverase a través de vídeo conferencia na que se retransmitirá a charla ofrecida pola Universidade Senior de A Coruña. Celebrarase na Aula CeMIT de Ribadeo de 11:30 a 13:30 horas.
É-Saúde é unha aplicación informática que constitúe a ferramenta do SERGAS para a comunicación co cidadán, accesible desde calquera lugar e dispositivo (ordenador, móbil ou tableta) que lle permite o acceso a servizos e contidos de saúde personalizados.
Para participar nesta actividade é necesaria a preinscrición que se pode facer online ou ben chamando ao teléfono 982 120 732 ou acudindo á propia Aula CeMIT.
Por outra banda durante os días 20, 21 e 22 de marzo realizaranse na Aula CeMIT de Ribadeo unha serie de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e o envellecemento activo, que se retransmitirán en colaboración con Canal Senior. Estas actividades terán unha duración de 90 minutos cada unha delas en horario de 10:30 a 12:00 horas.
O 20 de marzo abordarase a Administración Electrónica e os principais trámites que se poden facer online.
O día 21 tratarase sobre o novo DNI electrónico e a importancia da firma dixital na actualidade.
E 22 de marzo a xornada xirará en torno á Seguridade e privacidade na internet e como protexerse dos perigos da Rede.
As actividades están dirixidas a persoas maiores, pero abertas á poboación. O número de prazas é limitado, polo que é necesario preinscribirse.
