Ribadeo, 31 de xullo de 2018. A Concellaría de Turismo organiza durante o mes de agosto cinco rutas diferentes para promocionar o patrimonio natural e cultural do concello. A través do patrimonio natural ribadense discorrerán a Ruta dos Pregues, que sairá de Piñeira, e a Ruta dos Ollos e do Percebe, que terá como punto de saída Rinlo. A Ruta dos Pregues realizarase os luns do mes de agosto, e a dos Ollos e do Percebe os martes. E a través do patrimonio cultural de Ribadeo haberá tres rutas, unha por Arante para coñecer as pinturas murais do Santuario das Virtudes, outra pola pegada indiana da vila e a terceira é a que discorrerá polo Ribadeo dos Comerciantes. A ruta pola pegada indiana da comezo este mércores, 1 de agosto. As persoas interesadas en participar en calquera destas cinco poden inscribirse xa na oficina de turismo de Ribadeo.
A concelleira de Turismo, Ana Martínez, contou que “dende a Área de Turismo, Desenvolvemento Local e Comercio queremos convidar a toda esa xente que se achega para disfrutar do verán no mes de agosto da nosa hostalería ou do comercio, a descubrir o noso patrimonio e os recunchos de Ribadeo máis significativos, que en ocasións poidan pasar en certa medida desapercibidos e que en si conforman tamén un atractivo turístico importante. O que presentamos serán unha serie de rutas para todos os públicos nas que se mostrarán aspectos tan diversos como pode ser o importante patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral que vai dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes de toda a península, como é a praia das Catedrais, ata a maior estrutura xeolóxica da Mariña lucense que se engloba en todo o que é o cantil ata chegar case practicamente á ría de Ribadeo”.
A edil detallou que “teremos dúas posibilidades de visitar este patrimonio xeolóxico. Unha será a Ruta dos Pregues onde se descubrirá unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña lucense, ese gran pregue que se estende dende a ría de Foz ata a ría de Ribadeo, e iso terá lugar os luns 6, 13, 20 e 27 de agosto. O punto de encontro vai estar na área recreativa de Areosa, en Piñeira, e a xente poderá, a través dos carteis que se van editar, ver as coordenadas onde está exactamente o punto de quedada. A segunda ruta importante en canto ao tema do patrimonio natural será a Xeoruta dos Ollos e a Ruta do Percebe para saborear eses tesouros xeolóxicos e gastronómicos do treito litoral e para concluír no fermoso pobo mariñeiro de Rinlo. Creo que esta é unha experiencia importante porque vai ser unha conxugación da explicación xeolóxica coa experiencia dunha das percebeiras que seducirá ao visitante coas súas vivencias persoais, que ademais o fai dunha maneira extraordinaria e cun sentimento e cunha concepción do que foi a súa vida como percebeira, que ben paga a pena. Isto será os venres días 3, 10, 17, 24 e 31 de agosto e o punto de encontro será na praza de Santa Catalina, no centro de Rinlo”.
Ana Martínez engadiu que “a través de tres roteiros guiados e interpretados poderase gozar do fascinante patrimonio cultural. Teremos tres roteiros guiados onde poderemos gozar dese patrimonio cultural e etnográfico presente en cada recuncho da vila, e tamén iremos cara ao interior do concello de Ribadeo, que creo que é un dos grandes territorios por descubrir. A primeira vai ser unha visita ao santuario da Nosa Señora das Virtudes, na parte interior do concello, para contemplar un magnífico conxunto de pinturas murais da época tardomedieval, que é único en Galicia. Esta ruta será os martes 7, 14, 21 e 28 de agosto, e o punto de encontro será na Ponte de Arante. A segunda das rutas culturais dará a coñecer esa parte, que para moitos xa non é tan descoñecida e que durante estes últimos anos está cada vez máis presente, do Ribadeo Indiano e a súa pegada, que ven manifestar esa época das últimas décadas do século XIX e primeiras do XX onde Ribadeo viviu un auxe económico, social e urbanístico debido en gran medida ao retorno de quen emigrara a América, os indianos. Eles trouxeron unha arquitectura cosmopolita, que se viu de forma rechamante entre as casas tradicionais como podemos ver a través da rúa San Roque e algunhas máis polo casco máis antigo da vila, e tamén esas casonas podemos velas na Devesa aínda que non formarán parte do roteiro, polo momento. Esas casas simbolizaban un pouco o triunfo e o éxito conseguido na diáspora, e a xente poderá participar os mércores 1, 8, 15, 22 e 29 de agosto, e o punto de encontro será diante da Oficina de Turismo de Ribadeo”.
A concelleira de Turismo explicou que “o terceiro roteiro cultural será para percorrer o Ribadeo dos Comerciantes. Creo que a xente vai quedar fascinada con ese legado importante que ao mellor non é tan coñecido como o dos indianos, pero que é moi importante e conforma unha parte moi importante da historia e da identidade de Ribadeo. O centro histórico de Ribadeo está declarado Ben de Interese Cultural, é un BIC, e aquí construíron as súas casas ricos fidalgos e comerciantes que convivían con mariñeiros e artesáns. O resultado é un conxunto urbano diferenciado que combina pazos urbanos con outras sinxelas construcións que pertencían a esa parte de pescadores e de xente máis humilde. Vai ser guiado ata o máximo expoñente relixioso como é en Ribadeo a capela da Atalaia, que data do século XII e é a máis antiga da vila. Eu creo que ben paga a pena achegarse alí, non só para observar as fermosas vistas que se poden contemplar senón para que nos conten unha parte histórica e arquitectónica desta capela. Isto será os xoves 2, 9, 16, 23 e 30 de agosto e o punto de encontro será diante da Oficina de Turismo”.
Ana Martínez subliñou que “todos os roteiros comezan ás once e media da mañá, terán aproximadamente unha hora de duración, e polo manexo do grupo as prazas estarán limitadas e todas serán de balde. Todas aquelas persoas que desexen participar e informarse poden facelo na propia Oficina de Turismo de Ribadeo, no e-mail turismo@ribadeo.org ou chamando ao teléfono da Oficina 982 128 689”.






















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



