- Coa actuación de D’Crooners na rúa San Roque deron comezo os Xoves Abertos, organizados por Acisa Ribadeo dentro da campaña “O noso comercio é vida, vive Ribadeo”
Ducias de persoas gozaron das versións dos 70, dos 80 e dos 90 ofrecidas por este quinteto chegado de Boiro. E tamén iniciou a súa andaina a ruleta da sorte de Acisa. Moitos foron os afortunados que marcharon para a casa con camisetas, mochilas, bolsas, paraugas, tazas ou botellas. O vindeiro Xoves Aberto será o 21 de agosto. Esta nova campaña de Acisa Ribadeo inclúe Mercados de Rúa, actividades multiaventura e o sorteo dunhas vacacións a Gran Canaria, que terá lugar o 31 de agosto no Cantón dos Moreno a partir das 21:00 horas.
- A Asociación gastronómica Os Cacholeiros do Valadouro, celebrará a súa XXXIV Asamblea Xeral Ordinaria este sábado 16 de agosto ás 13h. no Restaurante Asturias en Ferreira
Posteriormente, terá lugar o xantar anual habitual, propio da xornada asamblearia ás 15:30 h. no restaurante Náutico de Ribadeo. Como xa é tradicional na asociación, "o noso propósito radica no fomento e práctica das xuntanzas gatronómicas polos locais de restauración da bisbarra entre os nosos asociados, favorecendo o consumo dos productos locais ou do país e a cociña tradicional na elaboración e degustación dos mesmos; así mesmo levar o bo nome do Valadouro por tódolos lugares polos que imos, como vimos facendo dende a nosa fundación, aló polo ano 1992".
- Manifestación este domingo en Ribadeo contra o xenocidio do pobo palestino
Comezará ás 12.30 con saída e chegada no cantón dos Moreno. Convoca A Mariña de Lugo e occidente astur, por Palestina
- Paco Piñeiro a un paso de ser novo Fillo Predilecto de Mondoñedo
No último Pleno Ordinario, celebrado na Casa Consistorial, presentouse unha moción para que fose nomeado Fillo Predilecto de Mondoñedo, D. Francisco Piñeiro González, que tivo o voto favorable de toda a corporación. Esta aprobación por unanimidade de todos os grupos que conforman o Concello de Mondoñedo, supón a posta en marcha do expediente que, en breve tempo, derivará no nomeamento deste mindoniense de pro, como Fillo Predilecto.
- 60 mozxs de Xove de entre 9 e 16 anos, desprazáronse este mércores ás instalacións do Urban Planet de Oleiros
Estiveron acompañadxs polo persoal voluntario e monitoras de Mañás Activas xunto coas dúas técnicas de xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde pararon a xantar no Lago das Pontes para coñecer a historia da súa creación e darse un baño na praia. Esta viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e a Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán Xove 2025”.
- O Pesca II participa no rescate dun ferido no Vicedo
O 112 Galicia recibiu unha chamada arredor das 12:20 horas deste mércores na que un particular informaba dun ferido na marxe do río Sor, preto do monte Insua. Atopábanse nun terreo ao que era difícil acceder e xunto co ferido, quen non era capaz de camiñar. Con isto, solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Viveiro e da Garda Civil. A dotación de bombeiros conseguiu chegar ata o punto, aínda que a zona imposibilitaba o paso da ambulancia. Desta maneira, informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero Pesca II para trasladar á vítima ata o hospital de referencia.
- A explanada da Madalena converterase o venres 22 de agosto no epicentro musical das Festas de San Ramón e Santa María de Vilalba co “venres da xira”, unha cita que contará con actuacións de artistas locais e convidados, ofrecendo unha ampla variedade de estilos e propostas musicais
O programa desta edición arrincará ás 21:00 horas con Decrux B2B Bristradd nun chill house set; seguirá ás 22:00 horas con El Chocolay e Jorgito + Talent; ás 23:00 horas será a quenda de Cris V; ás 00:30 horas subirá ao escenario David García; e para pechar a noite, ás 2:00 horas, volverán Decrux B2B Bristradd.