- O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, presentaron o Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, unha campaña que sortea un vehículo híbrido para incentivar as compras no comercio de proximidade ata o 30 de novembro
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web sorteocomercio.es/coche. O coche, exposto esta semana na praza, percorrerá varios concellos da provincia —Burela, Sarria, Vilalba e Monforte— para promover a iniciativa. O sorteo celebrarase o 3 de decembro ante notario. Rivera destacou o carácter innovador da campaña e o apoio da Deputación ao comercio local, mentres Seijas puxo en valor o seu papel para fortalecer a economía provincial nun contexto marcado polo aumento do custo de vida.
- Memorias dun neno labrego, de Contraproducións, este sábado, 24 de outubro, no Pastor Díaz de Viveiro
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
- O Concello de Cervo celebrou este luns unha andaina solidaria en apoio á loita contra o cancro, unha actividade que reuniu veciñanza nun ambiente de esperanza e compromiso
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
- Este martes 20 de outubro, pola tarde, está previsto o inicio dos traballos de fresado e aglomerado na zona de Cantarrana, que afectarán ás rúas Otero Pedrayo, Pascual Veiga, Castelao, Alexandre Bóveda, Cantarrana e Celso Emilio Ferreiro
Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocou o luns a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
- Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama o pasado mércores, 14 de outubro, celebrouse en Lourenzá unha charla informativa coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC), seguida dunha merenda solidaria
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
- Rematou á viaxe á Mariña do escritor e xornalista José Ribagorda, que este domingo visitou varios comercios en Ribadeo e na Pontenova dentro da campaña “De compras pola Mariña” da FCAM
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
- O IES de Foz celebra unha nova edición das súas Xornadas Micolóxicas, unha cita xa consolidada no centro e que envolve toda a comunidade educativa en charlas, saídas ao monte e exposicións
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.