- Co gallo do Día de Europa, Estefanía Molina impartirá unha conferencia na UNED de Lugo
Estefanía Molina Morales é unha voz destacada no ámbito da política e os asuntos internacionais, recoñecida polo seu profundo coñecemento e a súa capacidade para analizar os desafíos e oportunidades que enfronta Europa na actualidade. Na súa conferencia, a xornalista, analista política e escritora, repasará os principais acontecementos que marcaron a historia recente de Europa e ofreceranos unha visión clara e fundamentada sobre os retos que afronta o continente nun mundo cada vez máis interconectado e cambiante. Realizarase online e presencial, o 9 de maio de 18:30 a 20:00 horas.
- Obradoiro de Educación emocional e técnicas de relaxación o 24 de maio ás 10:30 no Centro Sociocultural de Alfoz
Durante a sesión, que será impartida por Ana Belén Vieito Agra, pedagoga e guía Montessori, abordarase a importancia de identificar cales son as fontes de estrés así como os seus síntomas e efectos e a ansiedade na nosa vida cotiá. Tamén se darán a coñecer estratexias que permitan lograr unha adaptación óptima a calquera situación de cambio e/ou transición vital, como unha enfermidade, dolo, rupturas familiares, etc. E na última parte da sesión practicaranse técnicas de relaxación, meditación e concentración. A inscrición permanecerá aberta ata o 22 de maio. As persoas interesadas poden inscribirse no Concello ou no teléfono 982 55 80 01.
- A deputada de Cultura Iria Castro asistiu este mércores á Festa daFilloa, que reuniu no recinto feiral de Muimenta centos de veciños evisitantes arredor desta receita tradicional
Iria Castro interesouse polo traballo das filloeiras nas pranchas e participou tamén na entrega de premios do Certame de Debuxo e Relato Filloa 2024 no que participaron alumnas e alumnos dos colexios da contorna, e que pretende involucrar as xeracións máis novas nesta tradición. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou na dotación dos galardóns, cun lote de publicacións.
- O Concello de Vilalba, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, inauguraron na Sala Ramón Guntín de Vilalba, a mostra «Castelao grafista (facsímile)»
Ao acto asistiron a alcaldesa do Concello de Vilalba, Marta María Rouco; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A exposición «Castelao grafista (facsímile)» permanecerá aberta ata o 25 de maio e poderase visitar de luns a venres en horario de 11.00 a 13.00 h e de 17.30 a 20.00 h, e os sábados de 11.00 a 13.00 h. A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación, debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.
- O 10 de maio desprazarase a Alfoz a ITV móbil para realizar inspeccións técnicas periódicas tanto a motos como a ciclomotores
A Alcaldesa, Efigenia Maseda, emitiu un bando para poñelo en coñecemento da veciñanza. Esta unidade estará situada entre o pavillón e a piscina. Todas as persoas interesadas na inspección poden pedir cita na páxina web www.sycitv.com ou no teléfono 982 309 000. “Conservar este servizo é moi positivo xa que nos permite aforrar en desprazamento para pasar a inspección ás nosas motos e ciclomotores, do que tamén pode servirse a veciñanza doutros concellos” apuntou Efigenia Maseda.
- Durante a pasada semana o persoal de Vigilancia Aduanera de Ribadeo realizou cursos de adestramento de intervención con medios non letais no marco da formación continua programada pola Regional de Aduanas de Galicia
A formación realizouse en instalacións deportivas do Concello de Ribadeo ao que lle dan as grazas pola súa colaboración e apoio. O alcalde, Dani Vega, achegouse a saudar aos asistentes a estes cursos.
- O pasado martes, 23 de abril, houbo outra xornada de Brincos de Lecer na Casa da Cultura, que a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non se quixo perder
Conmemoraron o Día do Libro elaborando marcapáxinas personalizados e a rexedora agasallou ás crianzas con diferentes exemplares "animándoos a practicar a lectura a diario, xa que é algo fundamental para o desenvolvemento persoal desde as idades máis novas"