18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

570 persoas participarán nos cursos do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación

10-01-11

Nota de prensa

A Deputación aumenta en máis dun 10% os obradoiros para 2011 debido ó número de solicitantes

– Lara Méndez presentou a programación oficial de cursos do Centro de Artesanía e Deseño na que poderán participar 570 persoas, un 5% máis que o ano pasado

– A Deputación adaptou o contido dos obradoiros ás demandas dos participantes incluíndo como novidades cursos de fotografía, pedra, tapicería e packaging

– A inscrición, cuxo prazo xa está aberto, pódese realizar por primeira vez mediante a web www.centrad.org, e de forma presencial nas instalacións do CENTRAD

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este luns a programación oficial de obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), dependente do organismo provincial, para 2011. Nesta convocatoria, o organismo provincial aumenta en máis dun 10% o número de cursos debido ó incremento de solicitantes. Deste xeito, das 65 xornadas de 2010 nas que participaron 540 persoas cubrindo toda a cota, pásanse ás 74 ampliando en máis dun 5% o número total de prazas: 570.

Lara Méndez salienta que “este ano é o das novidades: escoitando ós artesáns, a nosa forma de traballar, adaptamos o contidos dos obradoiros e incorporamos novos cursos; acercamos o CENTRAD ós cidadáns celebrando xornadas fóra das nosas instalacións; e, reivindicando que a artesanía debe de ir da man das novas tecnoloxías, por primeira vez a inscrición pódese facer telematicamente”.

Packaging, unha das novidades

Tendo en conta as demandas dos participantes, a Deputación organizou os seguintes cursos: 25 de cestería, 12 de xoiería, 7 de téxtil, 6 de cerámica, 5 de coiro, 7 de arte do libro, 2 de fotografía, 2 deseño, 2 de pedra, 2 de madeira, 3 de vidro, e 1 de tapicería. As novidades deste ano son os cursos de fotografía, pedra, tapicería e deseño de produtos nos que se imparten packaging. Son técnicas sobre a presentación e o empaquetado dos produtos. Lara Méndez explicou que estes cursos están dirixidos ós profesionais, e teñen por obxectivo facer máis atractivas as pezas para incrementar as súas vendas.

Por primeira vez, tamén ante a petición dos solicitantes, celébranse xornadas formativas fóra das instalacións do CENTRAD co obxectivo de facilitar o seu acceso. En marzo, levaranse as primeiras a Bonxe e a Cervo. No primeiro caso, realizase un curso de oleiría, e no segundo de coiro. Os escenarios serán os talleres dos recoñecidos artesanos Vidal Revilla e Josefa Lombao.

Ó respecto dos docentes que impartirán as clases, a Vicepresidenta Segunda destacou que son das catro provincias de Galicia, na súa maioría da de Lugo, aínda que tamén proceden de Cataluña, Madrid e ata Alemaña.

Inscrición por 1º vez mediante Internet

O prazo de inscrición para os primeiros 18 obradoiros de cestería, xoiería, cerámica, coiro, téxtil, arte do libro, packaging, fotografía e pedra, xa está aberto. Son os cursos de inverno que comezarán o vindeiro 17 de xaneiro. Para anotarse, este ano ademais de facelo de forma presencial acudindo ó CENTRAD, -na rúa Chantada da capital, de 9:00 horas ás 14:00 horas de luns a venres-, por primeira vez tamén se pode mediante Internet, entrando na páxina www.centrad.org. Isto é posible grazas o Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación que logrará a total implantación da Administración Electrónica na provincia nun tempo récord de menos dun ano. Trátase dun trámite máis, dos 120 totais, que se realizarán a través da Rede evitando desprazamentos, e aforrando cartos e tempos ós cidadáns.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive