28 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Rede de Dinamización Lingüística achega a Viveiro a Magín Blanco para comezar o 2015 con música en galego

29-12-14

Santiago, 29 de decembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa unha ampla oferta de actividades programadas no marco na campaña Nadal en Rede 2014, que promove a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. As propostas musicais A cantar con María Fumaça e Cantigas da estrela, a peza cómica Feliciano e a representación teatral de Espantallo amigo fornecerán de lecer en galego a programación propia dos concellos de Val do Dubra, Ponteceso, Negreira, Melide, Pontedeume, Viveiro, Ferrol, Cabana de Bergantiños, Ames, Carnota, Teo, A Estrada, Santa Comba, Bueu, O Porriño, Castro de Rei, O Saviñao, Verín, Ourense, A Pobra do Caramiñal, A Coruña e Xinzo de Limia para despedir o 2014 e darlle a benvida ao 2015 promovendo o uso da lingua propia de Galicia.

A maiores das actividades de dinamización lingüística, que están a despregarse en máis de 60 localidades ata o 7 de xaneiro, Nadal en Rede 2014 inclúe unha manchea de recursos dixitais pensados para estas festas e descargables, de balde, desde o web www.lingua.gal.

Magín Blanco anima á cativada a seguir o ronsel da música en galego
Magín Blanco anima á cativada a seguir o ronsel das estrelas e da música en galego para gozar do Nadal cos temas máis coñecidos de Gatuxo e da A nena e o grilo, nun concerto moi especial que integra vilancicos inéditos do músico e compositor. Acompáñano María Faltri e Jorge Juncal nunha xira que xa está a percorrer 19 localidades da RDL coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña en concellos da súa competencial territorial.

Unha cita imprescindible para celebrar este Nadal cantando en galego que, logo do seu paso por Cee, Palas de Rei, Cangas, Muxía, Redondela, Ferrol, O Carballiño, Betanzos, Arteixo e Santiago de Compostela, chega este luns 29 de decembro a Val do Dubra (á Casa da Cultura, ás 12.30 horas) e a Ponteceso (Museo de Arte Contemporánea de Corme, ás 18.00 horas). O martes 30, a Pontedeume (na Casa da Cultura, ás 12.30 horas) e a Viveiro (Teatro Pastor Díaz, ás 18.00 horas).

Xa o xoves 2, o concerto Cantigas da estrela poderase gozar en Carnota (no Salón de Actos do Concello, ás 12:00 horas) e en Teo (no Centro Sociocultural da Ramallosa, ás 16:00 horas). Durante a fin de semana, Cantigas da estrela chegará, o sábado 3, ao Porriño (no Círculo Recreativo e Cultural, ás 12:00 horas) e a Ourense (Auditorio Municipal, ás 12:00 horas) e á Pobra do Caramiñal (na Praza do Emigrante, baixo carpa, ás 18:30 horas).

Recursos tamén na rede
Ademais destas actividades de dinamización lingüística, Nadal en Rede inclúe unha ampla oferta de recursos dixitais aos que se pode acceder para a súa descarga gratuíta desde calquera punto de Galicia.

A xente miúda ten á súa disposición un modelo de carta para enviarlle aos Reis Magos en www.xunta.es/linguagalega/carta_maxestades, mentres que os máis vellos, terán a oportunidade de felicitar as festas aos seus amigos e familiares a través das postais electrónicas dispoñibles enwww.xunta.es/linguagalega/postais_en_galego. Para que a mocidade elixa en galego os galanos para pedir ou para agasallar nestas festas, xa está no web www.lingua.gal a nova guía de agasallos Un Nadal mozo e en galego, editada conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Por último, e para facilitarlle o traballo nas cabalgatas ás Súas Maxestades, todos os concellos da RDL terán cadanseu exemplar de O libro dos Reis Magos e quen estea interesado/a nel pódeo descargar enwww.xunta.es/linguagalega/libro_reis_magos. Toda a información sobre o programa enhttp://www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive