25 de Xaneiro de 2021

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación consolídase como referente en políticas sociais destinándolles o 33% do Orzamento 2020, que ascende a 92M€

27-11-19

 Lugo, 27 de novembro de 2019. A Deputación de Lugo consolídase como referente en políticas sociais destinando a este eido o 33% do Orzamento do 2020, que ascende a case 92M€ (91.742.793,61€), incluído o da propia entidade provincial, o de SUPLUSA e o do Consorcio de Bombeiros. Así o explicou o Presidente, José Tomé Roca, que, xunto á Vicepresidenta, Maite Ferreiro, e a Deputada de Economía, Facenda, Recadación e Contas, Mayra García, presentou este mércores no Salón de Actos o proxecto de Orzamentos do vindeiro ano.

Tomé Roca convocou hoxe mesmo a Comisión de Contas para o vindeiro luns, co fin de someter a debate e aprobación as contas nun Pleno extraordinario o xoves da vindeira semana, 5 de decembro. Deste xeito, “cumpriremos co obxectivo que nos marcamos ao principio do mandato de ter en vigor os orzamentos dende primeiros de ano, pois só desta forma son verdadeiramente eficaces e cumpren cos obxectivos para os que están elaborados”, afirmou o Presidente.

Os presupostos aumentan 3,2M€, preto dun 4%, con respecto aos deste 2019, un incremento debido fundamentalmente á subida da participación nos tributos do Estado.

No Orzamento de 2020 reflíctese a decisión de disolver a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) e elimínase a achega da Deputación ao ente mercantil porque, ao estar en fase de liquidación, non é necesario aportar fondos tendo en conta ademais os recursos existentes na propia sociedade.

O Presidente subliñou que o Orzamento 2020 “está pegado á realidade da provincia e aplica a través da cooperación cos concellos políticas progresistas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso da economía e o emprego, mantendo ao mesmo tempo a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos financeiros”. Así, o organismo provincial, afirmou, contribúe a “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia e a fixar poboación, axudando a combater coas ferramentas que temos a grave caída demográfica que estamos a sufrir”.
Para iso, asegurou José Tomé, os presupostos potencian catro grandes liñas de actuación. A prioritaria son as políticas sociais, para o están destinadas partidas que superan os 30M€, o que represente preto do 33% do total dos presupostos.

Rede de Protección Social
Tal e como destacou o Presidente, a de Lugo é hoxe unha das poucas deputacións de toda España “cunha ampla Rede de Protección Social, que, non só favorece o benestar e a conciliación, senón que xera actividade económica e emprego sostible na nosa provincia”. De feito, as prestacións sociais financiadas pola entidade provincial manteñen máis de 300 postos de traballo.

Os Orzamentos do vindeiro ano destinan 9M€ para os Centros de Atención a Maiores, a partida necesaria para o funcionamento das tres residencias abertas –Pol, Trabada e Ribadeo- e para a apertura das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, así como, se fose posible, as de Meira e Ribas de Sil.

O Presidente reiterou de novo que o Goberno provincial seguirá adiante con todos os compromisos adquiridos cos concellos, pero, ao mesmo tempo, “dende a lealdade institucional e a través do diálogo, esixiremos á Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidade en materia de servizos sociais”.

Xunto ás residencias, o Orzamento dota de recursos aos outros dous servizos que basicamente conforman a Rede de Protección Social da Deputación: a Teleasistencia Domiciliaria (375.000€), que pasa a contar cun 13% máis de prazas ofertadas, ata chegar a cerca das 2.000, e o Servizo de Axuda no Fogar, con 1,3M€, achegados aos concellos a través do Plan Único.

Tamén dentro das políticas sociais, o Orzamento do 2020, segundo explicou José Tomé, reserva 5M€ para impulsar a creación de emprego a través de liñas de axuda para a contratación de desempregados, plans de formación ou apoio ao emprendemento, ben de xeito directo ou a través da cooperación cos Concellos.

A defensa do Goberno provincial dunha educación pública, gratuíta e universal como base da igualdade de oportunidades plásmase tamén nos Orzamentos cunha dotación económica de 2,6M€, dos que máis da metade -1,5M€- está destinado ó Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, o único con esta titulación que existe na provincia, e que ademais é público e con matrícula gratuíta, agás para os repetidores.
Cooperación cos concellos
A cooperación cos concellos é unha política transversal da Deputación que ten como un dos principais instrumentos en torno aos que se artella o Plan Único, que contará o vindeiro ano cunha dotación económica de algo máis de 20M€, entre a partida consignada nos Orzamentos (11,2M€) e a previsión de incorporación de remanentes, o que supón un incremento con respecto ao 2019.

Este programa de investimentos municipais establecerá “un reparto transparente, equitativo e xusto dos fondos públicos da Deputación con criterios obxectivos, aprobados no Pleno, entre os 67 concellos da provincia”, indicou José Tomé.
Os fondos do Plan Único estarán destinados á dotación e mellora de servizos e infraestruturas públicos; o Servizo de Axuda no Fogar; creación de emprego; promoción de actividades turísticas, culturais e deportivas; para avanzar na administración electrónica e para soster outros servizos como Protección Civil.
O Presidente pediu unha vez máis á Xunta de Galicia “que tome nota e elimine xa a política discrecional que está a practicar no reparto dos fondos públicos, discriminando aos concellos que non son da súa mesma cor política”.
Mellora da rede viaria
Dende o convencemento de que a mobilidade “é un dereito máis da cidadanía e un factor esencial para garantir a cohesión social, territorial e económica da provincia de Lugo”, a Deputación sitúa a mellora da rede viaria como unha prioridade nos Orzamentos do 2020, destinando preto de 14M€ entre operacións de mantemento e de conservación, obra nova ou a través do Parque Móbil, outra das importantes ferramentas de cooperación que temos a disposición dos Concellos.

O Presidente destacou co “importante esforzo económico que fai a Deputación para atender o mellor posible as estradas, tendo en conta que conta coa maior rede viaria provincial de España, con 4.200 quilómetros, e tres veces superior á da Xunta en Lugo”.

Impulso dos sectores produtivos: primario e turístico
Froito da “visión clara de cales son as oportunidades económicas da provincia”, a Deputación incide no Orzamento 2020 no impulso dos sectores produtivos, nomeadamente do primario e o turístico.

Así, os presupostos contemplan 2M€, destinados, entre outras actuacións a potenciar o Centro de Recría de gando vacún de leite, o primeiro de carácter público que se abriu en España, no que a día de hoxe xa son máis de 1.100 becerras de 50 explotacións da provincia as que se están a recriar; poñer en marcha e manter o funcionamento da Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro de investigación sobre o sector lácteo da provincia; impulsar a creación nas instalacións provinciais da Granxa Gayoso dunha explotación de porco celta que potencie a cría e a comercialización da única raza porcina autóctona de Galicia; implantar na Finca de Tor novas actividades relacionadas coa produción ecolóxica; activar novas liñas de axuda aos produtores para que poidan aumentar a base territorial das súas explotacións; e apoiar a actividade do sector primario con axudas económicas ao tecido asociativo.

Outra das grandes apostas da Deputación no eido económico para a provincia é o sector turístico a través da promoción do territorio, ao que dedica máis de 2,4M€ nos Orzamentos. No ano 2020, explicou o Presidente, “seguiremos impulsando actuacións no marco do Plan Estratéxico de Turismo, especialmente dirixidas a incorporar as innovacións tecnolóxicas ao sector, co fin de mellorar a difusión e o acceso á oferta, así como a experiencia do visitante”.

Así mesmo, continuou, “daremos un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade para culminar un percorrido que abrimos dende a Deputación no ano 2011, e ao que logo se sumaron outras institucións, como a Deputación de Ourense ou a Xunta de Galicia”.

Dende a Deputación de Lugo, asegurou José Tomé, “traballaremos para que a provincia teña un papel central de cara ao Xacobeo 2021 e poida aproveitar todo o enorme potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago, en todas as súas variantes”.

O Presidente anunciou tamén que Lugo formará parte o vindeiro ano da Rede Europea de Itinerarios Culturais, o que terá un efecto positivo en toda a provincia e, especialmente, na Ribeira Sacra.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive