15 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Eu tamén confío”, por Pilar Vázquez

05-11-19

Penso que hai temas dos que se fai necesario falar e non seguir calando. Un destes asuntos é o debate electoral que puidemos ver o luns. O tema é serio, deixando a un lado os memes e vídeos sarcásticos das redes sociais, é gravísimo que estes cinco sexan os representantes dos principais partidos políticos estatais, pero máis grave aínda é que se rían do electorado .
Polo menos a min amólame que sexan os mesmos que durante a “costeira” electoral poñen rumbo a Galiza para pescar o noso voto, prometernos que van poñer na súa axenda os nosos problemas e darlles solución. Non sei vós, pero eu o luns non escoitei ningún remedio concreto para a sociedade galega.

Xa sei o que van dicir as voces demagóxicas do españolismo, auto-denominado constitucionalismo, pero tampouco estou a pedir que centren o debate en nós. O entendemento dáme para saber que nun debate electoral non se pode falar dos problemas de todo o mundo (agás se nos referimos a Catalunya, que entón si que hai tempo). Sei que para unha minoría o máis importante do seu reducido mundo é o procés, igual que noutro momento foi Portugal, Cuba ou Venezuela. Pero para a maioría de nós era o momento da problemática industrial, en concreto da galega, que está a sufrir a peor das súas crises. Pese ás promesas do Goberno en funcións (cabe recordar que non son os únicos responsables da situación que vivimos, pois o problema non ven de agora) dun estatuto para as electrointensivas, non se fixo alusión algunha no “debate” sobre o tema. Nin borrador, nin Estatuto, ningunha referencia. Nada.

Unha chega a cuestionarse se a estes cinco dirixentes de plató lles importa algo máis que non sexa mirar para o seu propio embigo. Dende logo, os máis de dous mil postos de traballo que penden dun fío na Mariña, non; as familias das Pontes, tampouco; e toda esa xente de Ferrolterra, menos aínda. Do que si falaron foi da sanidade e do ensino durante apenas trinta segundos. Logo volta ao espectáculo. A pesca, nin a mencionamos. Xa sabemos que Madrid non ten mar e o cantábrico non baña as costas de Catalunya, así que rien de rien. Ningunha referencia á pésima distribución das cotas de pesca no caso do bonito, onde as nosas empresas teñen que ver como os franceses seguen pescando o que a frota galega, con catro veces máis capacidade, xa non pode. Tampouco nin rastro das pensión dos galegos e galegas, as segundas máis baixas e por debaixo da media do Estado. Seica non tiveron tempo entre rifirrafe. Por non falar da hipocrisía de aqueles que piden a igualdade entre homes e mulleres pero seguen a ser TODOS homes os que lideran os seus partidos. Do contrario en Galiza temos a unha muller líder, válida e forte. Ana Pontón.

Estudantes, emprego, pensionistas…, sei que habería moitos máis asuntos para tratar, pero non penso que as solucións da axenda galega as teñan as formacións políticas que falaron o luns. Tiveron oportunidades e tempo, moito tempo, e a situación na que nos atopamos hoxe é unha clara evidencia da ineptitude política dos deputados mal chamados galegos. Ata tivemos un presidente do Goberno de España que foi de Pontevedra, disque! A onde fomos parar?

Os partidos centralistas están demasiado ocupados en difundir unha mensaxe de odio e de temor. Están centrados en negar realidades nacionais, como se o de ser nación fose algo optativo ou ilícito. Non podo saber a definición que lles ensinaron na escola a estes cinco señores, pero a que eu aprendín foi a seguinte: unha nación é aquel conxunto de persoas dunha mesma orixe étnica que comparten vínculos históricos, culturais, relixiosos, etc. Que ten de malo? O erro sería negar unha historia e unha cultura propia. Por que non estar orgullosos do noso?

Xa para rematar, chamo á reflexión: que preferimos? Outros catro anos (se se da un goberno) de invisibilidade para os problemas galegos, ou ter voz e voto no Congreso?
Somos capaces de facer grandes cousas se confiamos no noso. Seino. De feito unha galega de nación coma Ana Miranda está a demostrar na Unión Europea que, se unha confía, pode! Sen complexos. Porque Galiza merece estar e ser: eu tamén confío.

PILAR VÁZQUEZ
Asemblea Local BNG Xove

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive