24 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Máis de 1800 persoas asinan, en 12h, unha petición na rede para que haxa unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG

12-09-20

Compostela, 12 de setembro de 2020. Unha petición dirixida ao Director Xeral da Corporación de Radio Televisión de Galiza, Alfonso Sánchez Izquierdo, e mais ao Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez Rodríguez, para que haxa unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil en galego na TVG acumulou nas súas primeiras 12h máis de 1800 sinaturas. A conversa acadou, tamén, gran repercusión na rede social twitter, onde naceu o movemento arredor da conta @tvg_infantil_xa.

A Mesa pola Normalización Lingüística recorda que a galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español poden desfrutar dos mellores contidos televisivos na súa lingua agás as galegas. “Só o 4,6% da progamación infantil e xuvenil semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana”, salienta o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

A entidade de defensa da lingua considera alarmante o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego.

E recorda que é convinte actualizarse ofertando produtos en plataformas dixitais ou App con contidos infantís, recuperando os traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público pola entidade televisiva. “É lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza”, critica Maceira, “aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados ou na propria TVG”.

Tamén para persoas adultas
Xa a finais de 2019, unha campaña capitanaeada por A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación profisional de actores e actrices da dobraxe de Galiza (APRADOGA) e a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e intrpretación (AGPTI) pedía á Xunta de Galiza que facilite o lexendado e a dobraxe en galego dos filmes e series que ofertan as principais plataformas de contidos audiovisuais dixitais, tal e como fan os gobernos éuscaro e catalán dende hai anos. A campaña reclamáballe á Xunta de Galiza que se sumase ao acordo con Movistar+ dos gobernos vasco e catalán para o lexendado e a dobraxe dos filmes e series; establecendo acordos coas principais plataformas dixitais para a incoporación de lexendado en galego e da dobraxe dos filmes e series dos que xa dispón a CRTVG; e fixando unha dotación orzamentaria que permita cumprir eficazmente co estabelecido no artigo 20.1 da LNL.

Recollida de sinaturas: https://www.amesa.gal/noticias/noticias-da-mesa/xabarinclub24h

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive