BURELA .- Según indica o operador R, en Burela “xa poden recibir servizo parte da rúa Arcadio Pardiñas e outras como Camiño Real, Matos e Ril. Arestora estase executando obra civil na rúa Nosa Señora do Carme e de contado acometeranse as obras en Rosalía de Castro”. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, indicou que “estamos apostando duro polas novas tecnoloxías para ofrecer un bo servizo a todos os cidadáns e tamén que exista competitividade á hora de elixir unha empresa ou outra. R veu presentarse ó noso Concello e aseguraron que están preparados para en pouco tempo dar servizo a 5.000 abonados. Isto será bo para Burela polas oportunidades que suporá para as comunicacións, para internet e para todo aquelo que é parte fundamental dos nosos fogares. Isto dará unha oportunidade de elección ós veciños e de poder disfrutar de algo que nos corresponde nos tempos nos que estamos”.
Nota de Prensa
O Concello de Burela xa pode recibir os servizos de R
Está previsto que uns 5.600 fogares e empresas de Burela dispoñan de conexión directa á rede de R para acceder aos servizos integrados de teléfono, internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil R
Martes, 2 de xuño de 2009.- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, Arturo Dopico, conselleiro delegado de R e máis Julio Sánchez Agrelo, director da división de rede do operador galego, explicaron esta mañá os detalles do acordo de despregamento da rede de R nesta localidade lucense, que dende este mes xa pode recibir os servizos de R. Deste xeito, Burela entra a formar parte do grupo de cidades e concellos galegos que dispoñen de conexión directa á rede de telecomunicacións de última xeración que o operador está a despregar en toda a comunidade autónoma.
R prevé levar os servizos integrados de teléfono, internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil R a uns 5.600 fogares e locais empresariais de Burela. Cun investimento aproximado de 4,38 millóns de euros, R xa completou unha primeira fase das tarefas de despregamento de rede no núcleo urbano e dende finais de maio xa poden recibir servizo parte da rúa Arcadio Pardiñas e outras como Camiño Real, Matos e Ril. Arestora estase executando obra civil na rúa Nosa Señora do Carme e de contado acometeranse as obras en Rosalía de Castro. Prevese que todas estas tarefas de despregamento de rede rematen no mes de outubro. Teranse despregado, entón, uns 25 quilómetros de fibra óptica e arredor de 29 quilómetros de canalización.
Modernización coa fibra óptica
A posta en marcha do proxecto de R en Burela apoiouse na plena disposición e colaboración do concello desta localidade lucense que, dende o inicio, manifestou o seu interese por situar a súa poboación ao máis alto nivel en canto á dotación das infraestruturas tecnolóxicas, así como por facilitarlles aos seus cidadáns o acceso a todos os servizos da Sociedade da Información. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, dixo que “como alcalde é unha satisfacción que os veciños e veciñas e as empresas de Burela poidan gozar dun servizo de telecomunicacións de última xeración e que sexa unha empresa galega e comprometida co país como R a que o leve adiante”.
Segundo Arturo Dopico, “R está a facer un esforzo por materializar o seu compromiso con Galicia e estender ao máximo número posible de cidadáns a infraestrutura de telecomunicacións máis avanzada a nivel mundial. Por iso, para nós é fundamental contar coa colaboración das administracións locais, como é o caso do Concello de Burela, de xeito que poidamos poñer a disposición de todos os galegos os novos servizos da Sociedade da Información”.
Máis velocidade e móbil R
Grazas á nova e potente rede de fibra óptica que R está construíndo, rúa a rúa, os habitantes de Burela disporán de chamadas gratis a todos os fixos estatais e de internet de alta velocidade constante por fibra óptica, que ten duplicado para todos os clientes dende o ano pasado (ata 12 megas). Ademais, o servizo de televisión dixital interactiva de R ofrece calidade de imaxe e son dixitais por fibra óptica, máis de 80 canles, guía e miniguía electrónicas de programación e múltiples posibilidades de interactividade. Así mesmo, tras pouco máis dun ano do lanzamento do servizo de móbil R, integrado na oferta de telecomunicacións do operador galego, R xa conta con máis de 40.000 liñas e é pioneiro no mercado do móbil ao comezar a ofrecer chamadas gratis a móbiles de calquera operador dende o teléfono fixo para todos os seus clientes de televisión dixital e gratis a móbiles R para todos os seus clientes.
R na provincia de Lugo
Ademais de Burela este mesmo mes, en 2008 R conectou á súa rede de fibra óptica aos concellos de Foz, Vilalba e Mondoñedo, que se incorporaron así, ao grupo de localidades que xa recibían os servizos de telecomunicacións do operador galego como Lugo, Monforte, Sarria ou Chantada.
Ao tempo, o operador galego ten previsto que se conecten á súa rede as poboacións de Ribadeo, Viveiro, Xove, Cervo e Barreiros ao longo deste ano para o que vai investir uns 20 millóns de euros de xeito que uns 23.000 fogares e empresas máis da provincia teñan acceso á rede de fibra óptica de R.





















Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocou o luns a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.



