LUGO .- O consello da Xunta, celebrado en Lugo, acordou poñer en marcha un programa denominado “impulsa-Lugo” coa finalidade de xerar investimentos e emprego na provincia. Así mesmo a Xunta achegará un millón de euros aos concellos de menos de 5000 habitantes para axudarlles a recuperar o seu equilibrio financeiro.
NOTA DE PRENSA:
A XUNTA DE GALICIA PON EN MARCHA O PROGRAMA ‘IMPULSA-LUGO’ PARA XERAR INVESTIMENTOS E EMPREGO NA PROVINCIA, PARA ACADAR A CONVERXENCIA DO INTERIOR E A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE OS GALEGOS
§ A Xunta de Galicia crea as condicións precisas para que Lugo sexa atractivo para os investidores e respalda as súas iniciativas xa que son os que crean verdadeiramente riqueza e emprego.
§ Inclúe a elaboración dun Plan estratéxico que recolla os sectores económicos e áreas a potenciar, medidas específicas, establecemento de prioridades, avaliación e seguimento, e unha folla de ruta para a o desenvolvemento do Programa
§ Mentres non se obteñan os resultados do Plan estratéxico, a Xunta porá en marcha inmediatamente medidas transitorias discriminatorias de apoio ao investimento
§ A través do Igape, a Xunta de Galicia abrirá na Delegación de Lugo unha oficina de xestión que realizará o seguimento dos resultados do Programa
A Xunta de Galicia porá en marcha o Programa IMPULSA-LUGO co obxectivo de potenciar o crecemento económico da provincia e a súa converxencia co resto da Comunidade. O Consello da Xunta coñeceu hoxe o contido deste programa que ten como fin último incentivar os investimentos produtivos e apoiar a iniciativa emprendedora para, deste modo, mellorar a creación de emprego.
O Programa IMPULSA-LUGO persegue o artellamento e vertebración do territorio, conformado a partir da potenciación das oportunidades locais, das súas vantaxes comparativas e da iniciativa empresarial.
O Programa IMPULSA-LUGO inclúe a elaboración dun Plan estratéxico para Lugo, ademais de medidas transitorias de apoio ao investimento que se porán en marcha con carácter inmediato. A Xunta de Galicia pon en marcha este proxecto despois de escoitar os axentes económicos e sociais de Lugo, a través da Asociación Impulsora do Plan de Lugo, un colectivo integrado pola Cámara Oficial de Comercio e Industria e Navegación de Lugo, e os sindicatos UXT, CC.OO, e CIG. A Xunta pretende que neste Plan se impliquen no desenvolvemento deste Programa á Deputación de Lugo, a Subdelegación do Goberno e o concello de Lugo.
O Plan estratéxico será xestionado polo Igape a través dunha oficina de xestión que se instalará na Delegación Territorial de Lugo.
Actuacións incluídas no Programa
O programa inclúe, ademais do Plan estratéxico e a posta en marcha de axudas específicas e de medidas transitorias de apoio ao investimento, o deseño de accións de planificación, comunicación, formación e asistencia técnica.
O Plan estratéxico será elaborado a partir dun concurso público que convocará a Xunta de Galicia, a través do Igape. Este Plan estratéxico incluirá os sectores económicos e áreas territoriais a potenciar; concreción de obxectivos e medidas específicas; establecemento de prioridades estratéxicas; deseño dun plan de avaliación e os correspondentes indicadores de seguimento; plan de comunicación e divulgación; e unha folla de ruta para o desenvolvemento do Programa IMPULSA-LUGO.
Ademais do papel do Igape, a Dirección Xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda encargarase de realizar un seguimento da aplicación do Programa. Ambos os departamentos coordinarán accións de comunicación, formación e asistencia técnica para a presentación e xestión de proxectos, ademais de realizar propostas para a mellora do Programa segundo se vaia desenvolvendo.
O desenvolvemento do Programa IMPULSA-LUGO inclúe, tamén, a constitución dun Comité de Seguimento co obxectivo de dispoñer dun mecanismo de coordinación coas diferentes administracións e axentes económicos e sociais; un comité que estará composto polo conselleiro de Presidencia, o director xeral do Igape, o director xeral de Planificación e Fondos, a delegada de Lugo, representantes da Asociación Impulsora do Plan de Lugo; o alcalde de Lugo, e un responsable da oficina de xestión.
Medidas transitorias de apoio ao investimento
As medidas transitorias que estarán en vigor ata a posta en marcha do Plan estratéxico inclúen axudas directas e préstamos subvencionados. No caso das axudas directas, o importe mínimo do investimento para poder acollerse a estas medidas rebaixarase a 200.000 euros desde os 500.000 vixentes; nos proxectos de primeira implantación garantirase un mínimo de subvención do 20%; e elevarase o límite máximo actual de subvención do 30 ao 50% para investimentos realizados por pequenas empresas, e ao 40% para medianas empresas.
En canto aos préstamos subvencionados, o Igape concederá para unha lista de actividades acordada co ICO, as entidades financeiras, e as sociedades de garantía recíproca, unha subsidiación de 0,65 puntos con carácter xeral, aos que se engadirán 2 puntos máis aos proxectos impulsados na provincia de Lugo (ata 2,65%).
No financiamento outorgado polo BEI farase efectivo un tipo de xuro do 0%. Ademais, durante a vixencia destas medidas transitorias, reservaranse 12,5 millóns de euros para proxectos en Lugo.
Realidade económica e social da provincia de Lugo
A provincia de Lugo, no seu conxunto, supón un territorio cun grao de actividade empresarial máis baixo ao do resto de Galicia. En sí mesma, xa só esta razón xustifica unha actuación de discriminación positiva a favor de Lugo para aumentar o seu atractivo para o investimento empresarial, xa que Lugo reúne condicións e dispón de base social suficiente para merecer un novo esforzo que contribúa a impulsar o seu desenvolvemento.
No informe coñecido hoxe polo Consello da Xunta, inclúense unha serie de indicadores económicos que avalan a posta en marca deste Programa.
A taxa de crecemento anual da poboación en España é do 2,12%, en tanto que para Galicia acada o 0,42% e para Lugo o 0,11%; mentres que o índice de envellecemento (poboación maior de 64 anos/ poboación menor de 20) é para Galicia do 136,7% e para Lugo, do 205,5%. Ademais, e en termos de renda o ingreso medio por fogar para España acada os 2.044 euros, descendendo a media a 1.923 euros en Galicia e a 1.736 en Lugo.
—————————————————————————————————————————————————————-
A XUNTA ACHEGARÁ UN MILLÓN DE EUROS AOS CONCELLOS DE MENOS DE 5.000 HABITANTES PARA AXUDALOS A RECUPERAR O SEU EQUILIBRIO FINANCEIRO
§ Así o recolle un convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia e a FEGAMP cuxa sinatura autorizou esta mañá o Consello da Xunta
§ Favorecerase a 199 municipios de Galicia que agora mesmo ven comprometida seriamente a eficacia das súas respostas ás demandas e necesidades cidadás, sobre todo no que respecta ás políticas sociais e de fomento de emprego
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegará un millón de euros aos concellos de menos de 5.000 habitantes co obxecto de axudarlles a recuperar o seu equilibrio financeiro e orzamentario. Así o recolle un convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) cuxa sinatura autorizou esta mañá o Consello da Xunta. A medida favorecerá a 199 municipios de Galicia, para axudar aos concellos nos seus gastos correntes.
Segundo se expón no convenio, a evolución da situación económica e o seu impacto na economía galega están incidindo da xeito directo na recadación tributaria dos municipios, cunha apreciable merma dos ingresos que manexan e polo tanto da súa capacidade para facer fronte ás necesidades de gasto. Así, a pesar dos esforzos de aforro levados a cabo polos concellos, a intensidade da actual crise está a comprometer seriamente a eficacia das respostas locais ás demandas e necesidades cidadás, sobre todo no que respecta ás políticas sociais e de fomento de emprego.
Neste sentido, o que pretende este convenio é achegar aos concellos de menos de 5.000 habitantes unha transferencia lineal destinada a sufragar os seus gastos correntes para conseguir progresivamente que estas entidades locais menores vaian recuperando o seu equilibrio financeiro e orzamentario, cancelando as obrigas contraídas con terceiros e atendendo aos gastos que xeren nos ditos conceptos.
Ademais, o texto lembra que á Xunta de Galicia, a través da Comisión Galega de Cooperación Local, correspóndelle fomentar e promocionar as relacións de colaboración e cooperación entre as diferentes administracións públicas galegas. Así mesmo, recoñece á FEGAMP como a entidade asociativa máis representativa e maioritaria das entidades locais cuxos fins son, entre outros, promover, presentar e defender os intereses destas ante outras administracións públicas. Ademais, a Federación conta con oitos representantes na Comisión Galega de Cooperación Local, dous dos cales representan aos concellos de ata 5.000 habitantes.



















O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.



