Nota de prensa
Despois de que a Xunta apoiara á Cerámica de Sargadelos cunha axuda global dun millón de euros para o mantemento de máis dun cento de postos de traballo os populares reclaman un esforzo similar do Goberno central para que nun ámbito da súa competencia axude ás traballadoras despedidas
O GRUPO POPULAR INSTA AO ACORDO DE TODAS AS FORZAS POLÍTICAS DO PARLAMENTO DE GALICIA PARA REQUIRIR AO GOBERNO CENTRAL QUE FINANCIE ÁS PREXUBILACIÓNS DE SARGADELOS
Segundo os datos facilitados polo Comité de Empresa da cerámica cervense, seis das oito traballadoras cuxo despedimento xa se produciu cumprirían todos os requisitos para ser beneficiarias das axudas estatais reguladas na Orde de 5 de abril de 1995
As axudas estatais poderían cubrir ata o 100% dos salarios percibidos, non supoñen ningún custe nin para a empresa, nin para o empregado e poden solicitarse directamente polos traballadores exista ou non acordo co empresario
Cervo, 3 de decembro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular, a través do seu deputado Jose Manuel Balseiro Orol, insta ao acordo de todas as forzas políticas con representación na Cámara galega para que conxuntamente requiran ao Goberno central que financie as prexubilacións dos traballadores de Sargadelos. Deste xeito, e segundo os datos facilitados polo Comité de Empresa da cerámica cervense, seis das oito traballadoras cuxo despedimento xa se produciu cumprirían todos os requisitos para ser beneficiarias das axudas estatais.
COBERTURA DO 100% DOS SALARIOS
Na actualidade existe respaldo legal vixente para outorgar estas axudas, máis en concreto, o establecido na Orde de 5 de abril de 1995 (BOE número 93 do 19 de abril), que regulamenta a cobertura económica aos traballadores afectados en supostos de reconversión e reestructuración de empresas.
Segundo explicou o deputado popular este tipo de axudas estatais non implican ningún custe nin para a empresa, nin para o traballador, e poderían chegar incluso a financiar o 100% do salario que percibía o persoal prexubilado con entre 55 e 60 anos. De feito, para un traballador que viñera percibindo un salario de 1.000 euros a axuda estatal podería chegar ata un 823 euros aos que hai que engadir a contía correspondente á Seguridade Social. Ademais segundo explica o artigo 3.2 da devandita Orde de axudas estatais, as mesmas poden solicitarse ou conxuntamente pola empresa e os representantes dos traballadores ou directamente por estes últimos, polo que non é imprescindible que exista un acordo coa empresa.
CUESTIÓN DE VONTADE POLÍTICA
“Estamos ante unha decisión política e, polo tanto, si existe vontade no Executivo socialista poderían dar solución e financiar as prexubilacións destas traballadoras simplemente aplicando o que xa prevé a lexislación estatal vixente..”-concluíu Balseiro-“ Se queren, poden facelo. E iso é o que lle vamos a pedir desde o Parlamento de Galicia e, esperemos, co apoio de todas as forzas políticas parlamentarias”
A XUNTA CUMPRIU, AGORA LLE TOCA AO ESTADO
Os populares sinalan que tras o compromiso da Xunta de Galicia de apoiar á Cerámica de Sargadelos cunha axuda global dun millón de euros destinada a promover a expansión comercial desta empresa e garantir o mantemento de máis dun cento de empregos, cómpre agora reclamar tamén un esforzo similar por parte do Goberno central coas seis persoas que poderían beneficiase das axudas por prexubilación. “A Xunta cumpriu, agora lle toca facelo ao Estado”-explicou Balseiro.
De feito para o parlamentario popular non sería comprensible que o Executivo socialista, nun ámbito da súa exclusiva competencia –como é todo o que afecta á Seguridade Social- se negara a outorgar estas axudas. Balseiro lembrou que foi precisamente a Inspección do Ministerio de Traballo dependente do Goberno central, quen no seu día non tivo ningún reparo para dar os argumentos técnicos e informar en sentido positivo o ERE extintivo do que se derivaron os despedimentos das traballadoras que agora queremos prexubilar.
O ESTADO XA OUTORGOU AXUDAS SIMILARES EN GALICIA
A lexislación estatal deixa moi claro que as axudas denominadas comunmente como de prexubilación teñen por obxecto facilitar a cobertura e apoio económico do persoas que agora se atopa en situación de desemprego, e que se percibirán ata o momento en que se cumpra a idade mínima para acceder á xubilación (65 anos) ou á xubilación anticipada (60 anos). O Goberno do Estado ten polo tanto ao seu alcance a posibilidade de axudar a estas traballadoras como xa o fixo a Xunta de Galicia co resto do persoal.
Os populares lembraron que este tipo de axudas xa se empregaron por parte do Estado para o apoio a outros traballadores de empresas en crise en Galicia, Cataluña e Andalucía. Aquí, na nosa Comunidade o Estado, a través dunha aseguradora privada e co visto e prace do Ministerio de Traballo outorgou estas axudas a unha empresas viguesa: Cableados Auto (Cableados Valeo).
PSOE E BNG APOIARON ESTE ACORDO NO PLENO MUNICIPAL
Ademais o PSOE e o BNG, no pleno municipal de Cervo onde se debateu a crise da Cerámica de Sargadelos, apoiaron tamén requirir ao Estado a dar estas axudas, polo que sería incomprensible que en Santiago, votaran nun sentido diferente, indicou Balseiro Orol en referencia a iniciativa presentada no Parlamento e que insta a Xunta a dirixirse ao Goberno central de xeito que estableza estas axudas e apoios específicos para os traballadores facilitando a cobertura económica do persoal afectado polo proceso de extinción de emprego ata que accedan á situación de xubilación.

















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



