Nota de prensa
O programa Km0.Deputación de Lugo arranca o ano con 2.500 inscritos ata o mes de marzo
– En 2011 fixeron as rutas programadas 10.000 persoas, coas que son xa máis de 30.000 as que participaron na iniciativa dende a súa posta en marcha hai tres anos
– O éxito da actividade e a súa repercusión na economía da provincia –contribúe a manter 3.000 empregos directos e indirectos- levou ó Goberno galego a organizar un programa de roteiros pola comunidade autónoma coas mesmas características e obxectivos
– O 2012 comeza con viaxes polas comarcas da Mariña e a Ribeira Sacra, que realizarán entre hoxe e o xoves 300 veciños de Láncara, O Incio, Lourenzá, Foz e Vilalba
As cifras de participantes e inscritos no programa medioambiental Km0 seguen demostrando o rotundo éxito da iniciativa emprendida hai tres anos pola Deputación de Lugo co obxectivo de que a provincia deixe de ser unha gran descoñecida para os propios lucenses, e crear riqueza e emprego. Este ano 2012 arranca cunhas 2.500 persoas anotadas ata o mes de marzo e ó longo de todo o 2011 fixeron as rutas programadas máis de 10.000 persoas, coas que son xa 30.000 as que participaron na actividade desde a súa posta en marcha, en 2008. Esta afluencia de xente supuxo un importante revulsivo para a economía da provincia, principalmente beneficiosa para o sector hostaleiro, o comercial e o turístico en xeral, que certifica que o medio ambiente e as Reservas da Biosfera son unha oportunidade económica para Lugo. O programa contribúe a manter 3.000 postos de traballo directos e indirectos, pois os participantes comen sempre en restaurantes da provincia, ademais de degustar produtos autóctonos, e visitar empresas como conserveiras, queixerías e adegas, así como museos e o patrimonio paisaxístico, cultural e arqueolóxico.
O éxito da iniciativa e a súa repercusión na economía da provincia levou á propia Xunta a desenvolver o pasado ano un programa de roteiros pola comunidade autónoma coas mesmas características e obxectivos co ideado polo organismo provincial, a única diferenza é que o do Goberno galego estaba dirixido á xuventude. No caso do da Deputación, nesta cuarta tempada, iniciada o pasado mes de setembro, o programa mantén a súa modalidade de pago, de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, sendo gratuíto para os colexios e institutos públicos.
Os destinos máis solicitados do Km0.Deputación de Lugo ata o de agora foron A Mariña e a Ribeira Sacra. A praia ribadense das Catedrais, declarada Monumento Natural; Illa Pancha, tamén en Ribadeo; as Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo; o eucaliptal de Chavín, en Viveiro; os canóns do Sil e do Miño; Belesar; Os Peares; a praia fluvial e a igrexa da Cova, en O Saviñao; ou o miradoiro do Cabo do Mundo, foron algúns dos lugares que máis sorprenderon e gustaron dentro desas dúas comarcas, xunto a outros do resto da provincia, como, por exemplo, os torrentes do Ulla, o mosteiro de Samos, as ruínas de Caldaloba, o Museo Arqueolóxico de Vilalba ou as paisaxes de Negueira de Muñiz.
O plan abriu ademais as portas da Deputación ós veciños da provincia, permitíndolles coñecer a sede do organismo provincial, para que serve a institución, que proxectos desenvolve e a que destina os seus fondos.
As primeiras rutas do ano
Este 2012 arranca con rutas polas comarcas da Mariña e Ribeira Sacra, que realizarán entre este martes e o xoves 300 veciños de Láncara, O Incio, Lourenzá, Foz e Vilalba. O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, recibiu hoxe no salón de actos de San Marcos a dous grupos, un de 48 particulares e o segundo doutros 48 integrantes da Asociación de Veciños Terras de Armea de Abaixo, de Láncara, que visitaron as costas focense e ribadense, respectivamente. O primeiro colectivo iniciou a ruta na Fundación TIC, dependente do organismo provincial, para comer seguidamente, xa en Foz, no restaurante Rincón de Anita, e continuar cunha visita á praia da Rapadoira e ó porto da localidade, co percorrido dun tramo da ruta de sendeirismo polo Río Ouro e cun paseo polo miradoiro e as ruínas da Frouxeira. Pola súa banda, os veciños de Láncara coñeceron o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, comeron no restaurante O Cabazo de Ribadeo e deron un paseo polas praias das Catedrais e Os Castros, as cetáreas de Rinlo e o aeródromo de Vilaframil.
Nas rutas de mañá mércores participarán 55 membros da Asociación de Veciños San Amaro de Barbain, do Incio, e outros 55 do colectivo veciñal de San Xurxo, de Lourenzá. No primeiro caso, visitarán a olería de Bonxe para desprazarse despois a Ribadeo, onde comerán no restaurante O Marinero, farán unha travesía pola ría, subirán no ascensor panorámico situado no peirao deportivo e percorrerán o casco histórico e o convento das Clarisas da vila mariñana. Polo que respecta ós veciños de Lourenzá, achegaranse á Fundación TIC e viaxarán seguidamente a Viveiro para coñecer o miradoiro de San Roque, a igrexa de Santa María do Campo, o casco histórico, a praia de Covas e o complexo Regal Xunqueira. A comida terá lugar no restaurante Val do Naseiro.
A programación desta semana concluirá o xoves con outras dúas saídas. Un grupo de 48 integrantes da Asociación de Amas de Casa de Fazouro, de Foz, desprazaranse ata o CENTRAD e continuarán a ruta ata Sober, onde coñecerán as ribeiras do Sil e gozarán dunha degustación na Adega Algueira e dunha comida no restaurante Algueira. Por outra banda, 48 membros da Asociación de Veciños de Vilalba viaxarán ó municipio de Ribadeo para pasear polas praias das Catedrais e Os Castros e polo casco histórico da vila, onde tamén se achegarán ó convento das Clarisas. Este grupo comerá na Confraría de Rinlo.
127 opcións
Na súa 4º tempada, Km0.Deputación de Lugo mantén 127 rutas que transcorren polos 67 Concellos da provincia co fin de levar novos ingresos á totalidade dos municipios lucenses mediante visitas guiadas nas que miles de persoas redescobren as riquezas e particulares de cada un deles. Tendo en conta a súa diversidade, a institución desglosa Km0 en 3 modalidades, garantindo a posta en valor da variedade provincial e a participación de persoas de todas as idades. Estas son as seguintes: Km0 tradicional, con 88 rutas polas comarcas lucenses; Km0 Xtreme, que inclúe 25 alternativas para gozar de Lugo mediante a multiaventura e o deporte (viaxes en helicóptero, globo, rutas a cabalo, bicicleta de montaña, tiro con arco, escalada, vela, catamarán, kaiak, esquí náutico, surf, windsurf…); e Km0 a Compostela, a programación que, máis alá do Ano Santo, promociona todas as rutas do Camiño ó seu paso pola provincia, incluídos os do Mar e o do Inverno.
Como apuntarse
Todos os interesados en participar na programación medioambiental poden inscribirse chamando ó 982-26-74/75 ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A institución facilita 3 modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), nas sucursais de Nova Caixa Galicia (co número de conta 20800152663110001425) ou dende a web da Deputación contando cunha vantaxe: o desconto do 10% do custe total.























A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.



