Empezan en Cervo as obras para dotar de saneamento ao centro da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña
-A rede inclúe 290 metros de tubaxes, dos cales 90 son de nova instalación e os outros 200 son aproveitados dunha antiga rede de abastecemento
Cervo, 15 de setembro de 2012-As obras para dotar de rede de saneamento á residencia e centro ocupacional que promove a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña en Cervo comezaron esta semana. O proxecto inclúe un colector de 290 metros de lonxitude, dos cales se están colocando 90 metros de novas tubaxes de PVC. Os 200 metros restantes non é necesario instalalos xa que o Concello aproveita unhas canalizacións existentes que formaban parte dunha antiga rede de saneamento que xa non se utiliza e que se atopa en perfecto estado. Os traballos estarán rematados previsiblemente nos próximos días.
Con esta obra, que financia ao 100% o Concello, a residencia e centro ocupacional que se está construíndo en Cervo disporá dunha rede de saneamento completa e axeitada ás súas necesidades. O rexedor explica que “dende o Concello quixemos facer a nosa achega a este proxecto dotándoo dun colector de saneamento que permitirá recoller as augas residuais do centro e conducilas ata a rede xeral”.
O rexedor engade que “esta residencia e centro de día terá unha importante repercusión en Cervo e na Mariña e ofrecerá uns servizos moi importantes para os enfermos psíquicos”. Por iso, “é de recoñecer o esforzo que fai a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que impulsou esta construción, así como á Xunta e outras administracións que colaboran no seu financiamento” remata Villares. O primeiro edil cervense tamén incidiu na importancia de “aproveitar canalizacións xa existentes, xa que nos permiten dotar do servizo coa mesma calidade e diminuíndo o seu custo”.