Lugo, 22 de febreiro de 2013. Esta mañá o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, anunciou, trala xunta de goberno da Deputación, a aprobación das bases que rexerán o desenvolvemento dunha nova edición do programa de promoción do teatro afeccionado Buxiganga durante este 2013. A execución do programa, baixo o que se realizarán ao redor de 70 funcións, levou o teatro no ano pasado a 62 concellos e asociacións a través de 24 grupos teatrais.
Tal e como explicou Mario Outeiro, “o ano pasado introducírase a novidade de que a maiores dos concellos, tamén puideran solicitar representacións teatrais dos circuítos Buxiganga asociacións culturais e veciñais que así o desexasen, o que contribuíu a espallar o teatro até parroquias e lugares das nosas comarcas que doutra maneira non poderían telo”. Outra das novidades introducida o ano pasado é que os concellos e asociacións “teñen que facerse cargo do 20% do caché dos grupos, gasto que poderán financiar cobrando ata dous euros simbólicos en taquilla, e a Área de Cultura da Deputación financiaría o 80% restante”, puntualizou Mario Outeiro, ó que engadiu que “esta forma de financiamento implántase coa idea de buscar unha maior colaboración, así como un mellor funcionamento do programa”.
Mario Outeiro lembrou que, trala publicación destas bases no BOP mañá, os grupos terán 15 días para inscribirse e poder entrar nos circuítos Buxiganga, polo que animou a todos os grupos de teatro afeccionados a apuntarse. Os grupos teñen que estar constituídos legalmente e presentar correctamente a documentación que se lles indica.
Neste sentido, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación afirmou que “o éxito de Buxiganga reside non só na posibilidade que ofrece ás asociacións e concellos para programar actuacións teatrais, senón que motiva a creación de novas agrupacións teatrais ao ter a seguridade de que a súa obra vai ser representada. De feito, vimos como se aumentou o número de grupos de teatro de 12 a 24 o ano pasado, duplicándose exactamente”.
O caché dos grupos de teatro afeccionado manteríanse idénticos aos do ano pasado de maneira que os grupos de ata cinco persoas cobrarían 300 euros por actuación, os grupos de entre seis e oito persoas cobrarían 500 euros por actuación, e os grupos de máis de nove persoas, 850 euros, a menos que un grupo realizase o tope de 3 funcións, que entón cobrarían 250, 450 e 800 euros, respectivamente.
Mario Outeiro lembrou que Buxiganga conta tamén cunha vertente formativa e ao longo do 2012 realizáronse un total de 9 cursos formativos repartidos en varias localidades: Lugo, Monforte, Sarria, Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo: Prácticas de cine impartido por Óliver Laxe e Magdalena Arau; Curso interpretación impartido por Manuel Lourenzo en Mondoñedo; Curso de clown en Sarria con Marián Bañobre; Curso de Posta en escena en Ribadeo con Comba Campoy; Curso de interpretación con María Barcala; Curso de Posta en escena impartido por Pepe Penabade en Monforte; Curso de monólogos impartido por Carlos Blanco en Viveiro; Curso de cabaré impartido por Nelson Quinteiro; Curso de dramaturxias impartido por Rubén Ruibal e o curso para profesionais impartido por Jan Ferslev.
Apróbanse 3 bolsas de formación
Na Xunta de Goberno tamén se aprobaron 3 bolsas de formación: unha de formación en xestión teatral cultural, unha de formación en xestión cultural e outra de formación en xestión cultural, normalización lingüística e comunicación audiovisual. As bases destas bolsas, trala súa aprobación sairán publicadas en días posteriores no BOP, momento a partir do cal se poderán presentar as solicitudes.