“O PP pretende aumentar o copago da axuda no fogar no dobre”
Foz, 27 de Febreiro de 2013.- O BNG de Foz móstrase en total desacordo coa suba das taxas no servizo de axuda do fogar que o PP pretende aplicar no noso Concello. A modificación vén obrigada pola aplicación do Decreto 99/2012 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que o Goberno de Feijoo aprobara en marzo do ano pasado e ao que o BNG se opuxo porque significa na práctica a desaparición do carácter público e social deste servizo básico.
O BNG cre que a suba do prezo da axuda no fogar dificultará o acceso ao servizo para moitas persoas
O BNG de Foz, unha vez comprobado o que representa a suba nas tarifas do Servizo de Axuda no Fogar nas dúas modalidades ten que manifestar que supón unha nova medida que repercute dobremente o custe dos servizos sociais básicos nos cidadáns e que pode significar que moitas persoas reduzan ou deixen o servizo por non poder pagalo.
Se tomamos un exemplo medio dun usuario da axuda no fogar en réxime de libre concorrencia que gañe 700 € ao mes e que necesite 8 horas ao mes do servizo, coa anterior tarifa pagaría 9,23 €/mes mentres que coa tarifa que pretende impor pagaría 18,46, é dicir, o dobre. No caso da modalidade de SAF a dependentes o copago tamén aumenta. Nun caso similar ao anterior dunha capacidade económica de 700 €/mes, cun grao de dependencia medio que necesitara 40 horas ao mes, tería que pagar 64,80 € ao mes, cando coas anteriores tarifas pagaba 46,16 €, é dicir, pagaría case un 50% máis coas novas taxas.
Compre salientar que o Servizo de Axuda no Fogar Básico ou de libre concorrencia é ao que teñen que recorrer as persoas con problemas de desestruturación familiar, casos de enfermidade aguda tras alta hospitalaria, persoas en situación de dependencia aínda non valoradas, persoas en situación de dependencia valorada e con dereito pero que non teñen o acceso ao Servizo de Axuda no Fogar ou outra prestación asignada (por estar en lista de espera que hoxe en Galiza supera as 27.000 persoas).
Segundo o voceiro do BNG, Xan Carlos González Basanta, hai que dicir que todas as tarifas aumentaran xa no Concello despois da privatización deste servizo de axuda no fogar (cos votos favorables do PSOE e do PP e en contra do BNG en xaneiro de 2010), establecéndose en 11,54 € por hora, o dobre do que era antes. O custe do contrato de xestión do SAF a dependentes valorados no Concello de Foz elévase a 318.919,44 € e a pesar de que se atopa vencido a empresa segue a prestar os seus servizos, feito que xa ten denunciado o BNG.
O BNG defende que a Xunta debe asumir as competencias en materia social
A Xunta do PP non só segue recortando os orzamentos en materia de servizos sociais (o Plan Concertado no 2012 no Concello de Foz recortou máis de 170.000 € con respecto ao ano anterior) senón que, con este decreto, desenténdese do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar Básico de todos os concellos de menos de 20.000 habitantes, obrigándoos a que os usuarios e usuarias paguen máis nas súas achegas en forma de copago, ou no peor dos casos a que os servizos desaparezan e só se manteñan para as persoas dependentes coa prestación asignada no seu Plan Individual de Atención.
O goberno do PP na Xunta de Galiza coas súas políticas de recortes sociais lesiona gravemente os dereitos das persoas e pon en grave risco o sistema de servizos sociais público. Cabe lembrar que en Galiza viven máis de 100.000 persoas en situación de dependencia. A lista de espera supera as 40.000 persoas, isto é, as que non cobran a axuda. Ademais, recordaremos que as pagas das coidadoras familiares rebaixáronse un 15% e o Goberno do Estado deixou de cotizar por elas á Seguridade Social. Son 15.000 afectadas no noso país, a meirande parte mulleres.
Para o BNG, a Xunta de Galiza sempre deberá asumir as súas competencias e garantir uns servizos sociais acorde coas necesidades da poboación, en igualdade de calidade e dereitos de todos os galegos e galegas independentemente do concello onde vivan.
Co PP no goberno, Galiza sempre perde
Por último, o BNG quere denunciar a situación de agravio na que se atopa Galiza no que respecta á dependencia. En Galiza, a Xunta inviste 256 euros por habitante para dependencia, mentres que en Euskadi se inviste 773 euros por habitante. Ademais, o 80 por cento das persoas dependentes no Estado Español teñen máis de 65 anos. Porén, malia o envellecemento poboacional que caracteriza o noso país, Galiza atópase no 13º posto en relación ás persoas dependentes que perciben prestacións.