Foz, 28 de febreiro de 2013.- O BNG de Foz levará ao pleno a través dunha moción de urxencia o apoio á manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Esta mobilización, en forma de “cacerolada”, terá lugar en Burela o próximo sábado día 2 de marzo. Trátase de manifestar o noso rotundo NON ás intencións do PP de suprimir a área norte de saúde, que abarca toda a Mariña e que lle afectaría tanto ao Hospital coma aos Centros de Saúde dependentes del. Hai que ter en conta que o Hospital da Costa ten asignadas máis de 70.000 persoas, distribuídas en 14 Concellos, e que o Hospital Comarcal de Monforte conta con preto de 50.000 usuarios distribuídos en 11 Concellos, usuarios que pasarían a ter como primeiro hospital de referencia o Hospital de Lugo, a 100 km. do de Burela e uns noventa minutos de desprazamento en coche.
Para o BNG, as consecuencias para a sanidade pública atinxirían tanto ós usuarios coma ós profesionais sanitarios, sobre todo en dous aspectos importantes: en primeiro lugar, unha xerencia ubicada na cidade de Lugo, polas distancias da Mariña coa capital, unha grande perda da calidade de vida para a poboación afectada alén de teren que asumir os gastos de desprazamento e, no seu caso, de hospedaxe dos propios usuarios e dos familiares, o que supón unha discriminación con respecto a poboación dos centros urbanos grandes. En segundo lugar, unha xerencia ubicada en Lugo eliminaría de facto os investimentos futuros prometidos tanto nos centros de saúde como no propio Hospital da Costa, a súa ampliación, a implantación de novos servizos e especialidades así como recortes de dotacións que actualmente existen nos centros de saúde. Así mesmo, polo que sucedeu noutras zonas onde se implantou a xerencia única, suporía o aumento da derivación a clínicas privadas de Lugo, redución do persoal sanitario, aumento das listas de agarda en consultas e cirurxía e a perda de autonomía nas decisións.
ración instar á Xunta de Galicia a que manteña a áreas sanitaria da Mariña con todas as competencias e servizos que ten na actualidade, opoñerse á creación da Área de Xestión Integrada de Lugo na medida que alonxa os servizos dos cidadáns e merma a calidade asistencial, manter as plantillas actuais e garantir a mesma orde de prioridade na cobertura de prazas de especialistas nos Hospitais de Burela, Monforte e Lugo.
Finalmente o BNG pide o apoio do Concello de Foz á vindeira “cacerolada” en contra da Xerencia Única convocada o próximo día 2 de Febreiro de 2013 en Burela pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña así como adherirse a dita Plataforma e apoiar todos os actos da mesma que realice en defensa dunha sanidade pública, gratuíta e universal.