A peña O Lar, que compre 50 anos, foi sempre lugar acolledor para propios e estranos, á que moitos veraneantes, durante a estadía na vila, eran asiduos, e acotío acudían en mesturanza cos indíxenas, o que xeraba novas amizades e facía que se produciran intercambios, sobre todo gastronómicos, que viñan a ampliar os coñecementos e tamén a desfrutar de novos sabores e de praceres inéditos para o padal, Tralo verán de 1972 uns colegas de Ponferrada, enviaron á peña unha partida de uva coa encomenda de elaborala aquí; algo novo para os nativos no que endexamais se viran involucrados. De tódolos xeitos o achego viu a poñer no dia a día do grupo un novo motivo para a ledicia e tamén para que, uns mais que outros, se ilustraran sobre o proceso de elaboración dun viño que se consideraba “da casa”. A prospección entre os tertulianos descubriu a dous membros, avezados viñateiros, en función das súas terras de orixe: Barreiro, do xulgado, betanceiro, e Sampaíño, o Forestal, de Portomarín. Ambos foron as estrelas do colectivo pois, como “especialistas” cortaban o bacallao dando as instrucións oportunas para lograr o mais óptimo resultado, sinalando xa dúas datas importantes no proceso: o día 12 de decembro procederíase ó pisado da uva e tras dous meses de acougo na barriga dos bocois, tería lugar a espicha dos 600 litros de viño que daría aquela uva, formulada xa a sá intención de renderlle honores, no primeiro día, sen límite para o consumo: a novidade e o mérito que cada quen se atribuía no labor ben o merecían.¡ Nunca en Foz se vivira unha experiencia parecida!. E así foi: a espicha tivo lugar o día 22 de febreiro de 1973, hai 40 anos. Houbo festa rachada e canta xente apareceu polo contorno foi convidada a celebrar o feito, acaso único na historia do pobo, de celebración semellante…Perante un tempo na porta do Lar pendurou o ramo de laurel que pregoaba o viño novo. Rematada a singular vivencia no noso ámbito a súa lembranza quedou arquivada no paraíso das nostalxias…
Suso Fernández