Desde a Plataforma de Afectados polos Abusos de Mercado Eléctrico presentaranse mañá no rexistro de entrada da Xunta de Galicia novas solicitudes de documentación dos equipos de medida dixitais que se están instalando por parte de BEGASA. Con estas novas solicitudes xa son máis de 70 solicitudes de documentación as que se presentan na Delegación Territorial de Industria de Lugo. Moitas delas, xa foron presentadas pola propia distribuidora no mes de novembro de 2012 e ningunha delas recibiu resposta por parte de BEGASA.
“Como BEGASA non contesta, agora presentámolas na Consellería de Industria da Xunta de Galicia como paso previo a solicitalas posteriormente á Comisión Nacional de Enerxía, en caso de que non sexa aportada dita documentación por Industria, que debe ter a Xunta; xa que é a responsable de darlle a BEGASA a autorización de uso de ditos equipos de medida”.
“A día de hoxe non se sabe nada desta documentación obrigatoria e a única aclaración que saíu de BEGASA ou de Eon Distribución é que estes equipos de medida están aprobados no sistema de telexestión que presentaron no seu día á Xunta de Galicia. Esa aprobación non lle exime a BEGASA de que os seus equipos cumpran cos requisitos establecidos no R.D. 1110/2007 ou na orden ITC/3022/2007. Dáse a particularidade que o sistema de telexestión presentado por BEGASA e aprobado pola Xunta de Galicia é considerado como confidencial e ninguén ten acceso a el; é dicir a suposta aprobación destes equipos é segreda e o abonado non ten acceso a ela. Facendo un símil é como se mercas un coche e che dan un manual de uso do mesmo, pero che din que non teñen obrigación de darcha a tarxeta de circulación nin o resto da documentación”.
“Desde a plataforma recordamos que o abonado é o responsable de que estes equipos cumpran coa normativa vixente, xa sexa o equipo en propiedade ou en alugueiro, e pono de forma moi clara no artigo 12 do Real Decreto 1110/2007. Pese a iso, cando solicitas a documentación a BEGASA, esta contesta que non ten obrigación de dala”.
“Esperamos por parte da Consellería de Industria a máxima colaboración, ademais dunha forma rápida e clara, como é a súa obriga. Se por algún motivo se cometeu un error e dita documentación non está en regra parécenos absurdo dilatar no tempo a solución e obrigar ós abonados a recorrer á Comisión Nacional de Enerxía ou ós tribunais xurisdiccionais. Por parte da Plataforma estaríamos encantados de estar equivocados e ter que pedir desculpas por iso, pero sabemos que temos razón.”