CERVO, 13 DE ABRIL. Os medios fixeron pública a noticia de que o Concello de Cervo destinará 23.000 euros para as entidades deportivas do municipio, “é unha boa noticia xa que é importante colaborar cos catro clubs existentes pero non se lles pode esquecer o deporte de base. Non basta con aportar cartos a estas entidades e non molestarse por apoiar unha oferta máis ampla para os máis rapaces”.
Os socialistas aseguran que “somos coñecedores de que moitos nenos cervenses se teñen que ir a diario a concellos limítrofes para practicar o seu deporte porque aquí non se oferta. Quizais sería tamén importante que por parte do equipo de goberno saísen iniciativas para solucionar este problema”.
Agravio comparativo
Facéndose eco desta noticia, os membros do Grupo Municipal Socialista subliñan que “non podemos pasar a ocasión para poñer de manifesto que dende o Concello non se está tratando por igual a tódalas asociacións en tema de subvencións e axudas”.
Neste senso, tildan de excesiva a cantidade destinada para entidades deportivas sabendo que “por exemplo a ACIA de San Ciprián recibe tan só 700 euros anuais. Asociación na que se enmarca todo o comercio e a hostelería local e que intentan manter a actividade sendo os principais dinamizadores do movemento do noso concello. A súa perda significaría a morte do noso pobo”.
Non se entende doutra forma a maneira de actuar do equipo de goberno de Cervo cando “hai asociacións que reciben de forma nominativa 2.500 euros ó ano e aínda por riba se lles financian outras actividades. Estamos de acordo nas axudas a tódolos veciños pero que se fagan coa máxima igualdade e prioridade”.
Os socialistas din que “podemos seguir dando exemplos en colectivos similares se falamos das axudas recibidas polas asociacións de mulleres de San Ciprián. As dúas son dinámicas e manteñen e organizan actividades durante o ano pero unha recibe 500 euros e a outra 1.500”.
Ante esta situación, destacan que “o señor alcalde, Alfonso Villares, debe unha explicación ós veciños porque esta actitude pon de manifesto que para o equipo de goberno existen veciños de primeira e de segunda, asociacións de primeira e de segunda dependendo de se a xente que pertence ás súas directivas teñen tamén cargos ou responsabilidades no PP”.
Rematan afirmando que “están de acordo en tódalas iniciativas que se tomen a favor de colaborar co deporte, as actividades e o fomento do comercio local pero sempre con decisións coherentes e non dependentes dos seus intereses partidistas”.