Nun contexto de total incerteza e de información contraditoria e mesmo interesada, a Unión de Consumidores de Galicia considera que os afectados por preferentes e subordinadas precisan coñecer con total transparencia e fiabilidade as opcións que se lles presentan por mor do proceso de quita e canxe deses produtos complexos que no seu día lles foron colocados.
A principal preocupación da Unión de Consumidores de Galicia, é que os afectados queden atrapados novamente coas accións dunha entidade financeira que non cotiza en bolsa e que non poderán converter en diñeiro previsiblemente en moito tempo, o que as convertería no que coloquialmente se chama papel mollado.
Por este motivo é imprescindible que toda a sociedade galega, administracións, institucións, organizacións, partidos, sindicatos, colexios profesionais e como non, os medios de comunicación informen correctamente aos afectados procurando a salvagarda dos seus intereses económicos, xa abondo asoballados. E; a xuízo da Unión de Consumidores de Galicia, a correcta información neste momento é que os afectados deben vender as súas accións ao Fondo de Garantía de Depósitos antes do día 12 de xullo e presentar ao tempo da venda un escrito de reserva de accións no que lle comuniquen á entidade que a pesares da quita, canxe e mecanismo de liquidez, consideran que o contrato polo que se lles venderon no seu día as preferentes e subordinadas non se axustou á legalidade e que polo tanto sería nulo.
Coa liquidez, os afectados terán na súa conta bancaria o día 19 de xullo porcentaxes de ata o 77,58% do total do diñeiro que tiñan atrapado, de sorte que posteriormente a reclamación que plantexen se refira á porcentaxe restante. Con esta medida reduciríanse ademais os custes dun eventual proceso xudicial, xa que minorada a contía do litixio diminuirían as taxas, os honorarios do avogado, os aranceis do procurador e as costas, é dicir, o risco do pleito. Pero o máis importante é que en cuestión de días recuperarán unha parte moi importante do seu diñeiro sen ter que renunciar a loitar polo resto, se así o estiman oportuno.
Posteriormente o afectado poderá e deberá asesorarse polo miúdo, cun profesional ou acudindo a puntos de información profesionalizados, da viabilidade da súa reclamación, sexa en vía xudicial, sexa en vía arbitral para o caso de que for chamado ou de que a entidade recúe na súa postura e permita acudir a esta vía a máis galegos.