Burela, 31 de xaneiro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, considera que o PSOE burelés non está lexitimado nin para pedirlle á Xunta un plan de emprego para a provincia de Lugo nin para seguir a facer demagoxia co copago farmacéutico nos hospitais. Barcia criticou a linguaxe agresiva, áspera e belicosa, que está a empregar nas últimas sesións plenarias o socialista Alfredo Llano, “algo que os veciños e as veciñas de Burela non merecen”.
O rexedor explicou que“no pleno ordinario celebrado onte en Burela quedou aprobada a modificación da ordenanza relativa a axuda no fogar para adaptar a norma municipal á autonómica. E ademais se levou a cabo unha modificación da relación de postos de traballo a efectos de cubrir axeitadamente o posto de estadística que quedara vacante por xubilación”.
Na quenda das mocións aprobouse por unanimidade unha presentada polo Grupo mixto en relación coa celebración do día de Rosalía de Castro a finais de febreiro e desestimáronse todas as demais. González Barcia fixo unha puntualización neste apartado: “a tendencia que ten o PSOE en Burela de traer a pleno de forma exclusiva mocións que teñen un contido xenérico e ningunha vinculada co noso concello. Isto demostra que por parte dos socialistas non hai traballo, o traballo que fai esta formación a nivel municipal é igual a cero, e iso tendo en conta que teñen a unha persoa con dedicación exclusiva na Deputación. Non están na realidade, senón que para cubrir o expediente traen a debate mocións de carácter xenérico”.
Para o alcalde de Burela “hai que ter bastante valor para traer ao pleno do Concello de Burela unha moción pedíndolle á Xunta un plan de emprego para a provincia de Lugo. Hai que ter bastante valor porque a Deputación no seu plan de emprego famoso só lle da axudas a 12 Concellos e por suposto exclúe ao Concello de Burela. E despois que o PSOE apoie que a Deputación exclúa a Burela e que agora veña pedindo un plan de emprego á Xunta para toda a provincia non deixa de ser chocante”. José Mª González Barcia subliñou que “a Xunta lévalle aportado ao Concello de Burela preto de medio millón de euros para políticas activas de emprego ou políticas de formación de desempregados. É unha cifra respectable. Pola súa banda a Deputación de Lugo en dous anos só creou un posto de traballo en Burela, ese posto está ben dotado economicamente con 51.000 euros anuais, que é o posto de traballo que ten o señor Llano”.
O rexedor engadiu que “o PSOE non está lexitimado para pedir nada en materia de emprego, como tampouco o está para seguir facendo demagoxia e enganando aos cidadáns co tema do copago farmacéutico nos hospitais. A día de hoxe non hai ningún paciente no Hospital da Costa que estea a pagar nada polas medicinas que alí se lle dan. Os socialistas están a enganar á xente con estas historias e o que vai ocorrer no seu día, sempre e cando non se modifique a aplicación da norma, é que aquelas medicinas que os pacientes do hospital leven para as súas casas esas si que pagarán unha parte proporcional, tal e como ocorre nas outras farmacias, pero de aí a dicir que haberá que pagar os tratamentos canceríxenos hai un auténtico abismo”.
González Barcia asegurou que “o señor Llano está a entrar nunha liña dialéctica moi agresiva. É agora cando se está a ver ao auténtico señor Llano, unha persoa que parecía moi mansa e tranquila é unha persoa que mostra a súa verdadeira cara cunha agresividade enorme. Onte volveu insultar a membros do Grupo Municipal Popular, tachounos case de asasinos e de ladróns. Esa linguaxe tan gorda, tan áspera, tan agresiva e tan belicosa non se debería usar e menos no pleno dun Concello”. O alcalde de Burela dixo que “se está a ver a auténtica cara de Alfredo Llano, unha persoa histérica, unha persoa que perde os nervios con facilidade, unha persoa que fai unha demagoxia absoluta con calquera tema, unha persoa á que non lle importa mentir e desprestixiar a calquera para saírse coa súa. Trátase dun comportamento que os veciños e as veciñas de Burela non se merecen”.
O rexedor sinalou que “nós entendemos que a súa postura é reprobable e eu coma alcalde e coma responsable do Grupo Municipal Popular o digo así de claro. As posturas e as últimas actitudes do señor Llano tan agresivas, prepotentes, déspotas e demagóxicas non son de recibo”.
Reforma da Lei do aborto
José María González Barcia indicou que “no que se refire á reforma da Lei do aborto nós o que lle pedimos ao Goberno non é que retire ese ante proxecto, que evidentemente é mellorable e nós dicimos que se debe mellorar, pero o ante proxecto de Lei sobre o aborto hai que melloralo na tramitación parlamentaria, no Congreso e no Senado, coas achegas que fagan os distintos grupos políticos. E por iso nosoutros instamos ao Goberno de Mariano Rajoy a que durante a tramitación da Lei do aborto se recollan aquelas melloras que a melloren substancialmente para facer unha Lei co máximo consenso posible e que atenda ás directrices emanadas do Tribunal Constitucional, que tamén para iso está e polo tanto hai que facerlle caso”.




















En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



