Paseos marítimos destruídos, praias desaparecidas, peiraos danados… Debido só aos temporais invernais?
Para ADEGA estas desfeitas non son casuais: Son consecuencia de urbanizar o litoral “a toda costa” e ignorar o cambio climático. Mentres, os criadores do problema persisten no erro e receitan máis cemento e recheos no litoral. A maré segue a subir…
Esquecer o cambio climático e ignorar a suba do mar é suicida
Fenómenos meteorolóxicos extremos como a sucesión de borrascas que xa dura máis dun mes son cada vez máis habituais. E cada ano, o mar sorpréndenos batendo récords de altura de ondas e aumentando os desperfeitos nas costas. Dentro do proceso de mudanza climática que está a vivir o planeta, é de prever que estes fenómenos meteorolóxicos extremos sexan cada vez máis habituais e que a factura dos danos causados polo do cambio climático siga a engordar. Estes efeitos cada vez máis patentes notaranse con máis intensidade nas latitudes medias, especialmente nas costas.
Que se ten feito até o de agora para amortecer, xa que é imposíbel evitar, as consecuencias deste fenómeno? Simplesmente, mirar para outro lado e seguir facendo castelos de area mentres sube a maré. Como se o cambio climático non fora con eles, en Europa veñen de claudicar fronte ao lobby dos combustíbeis fóseis. No Estado, coa nova Lei de Costas poderase urbanizar a 20m do mar. E en Galiza, o Plano do Litoral (POL) na prática non protexe nada, o Plano de Acción contra o Cambio Climático foi paralisado paralisado por Feijóo e nos orzamentos de 2014, o investimento contra o cambio climático será CERO.
A erosión da costa evidencia os erros dunha política urbanística insustentábel e corrupta
A forte presión urbanística sobre a costa, con recheos, peiraos, paseos e portos deportivos feitos sen ter en conta as dinámicas litorais, está a amplificar os efeitos dos temporais provocando unha enorme erosión costeira. Non podemos deter a suba do mar, pero si prevela e anticipar as posibles consecuencias. Até o de agora, as políticas urbanísticas de construción “a toda costa” non fixeron máis que acelerar este proceso de erosión.
Que as ondas asolaguen os centros de vilas e cidades, levando por diante pairaos e paseos, debería facernos reparar no risco que supón construír “de costas” ao mar. Praias, dunas e xunqueiras litorais actúan como amortecedores dos efeitos dos temporais. Ao alterar o equilibrio de sedimentos existente nesa última liña de protección fronte ás ondas, cementando e recheando a costa e construindo infraestruturas que alteran as correntes, ten graves consecuencias. Boa mostra disto é a desaparición de numerosos areais da costa galega como o do Matadoiro na Coruña, a Madalena en Cedeira ou a Rodas nas Cíes.
O ambiente e a cidadanía pagamos as consecuencias
A reparación dos desperfeitos pagarémola os mesmos afectados por estas malas políticas urbanísticas. Os intentos por frear o deterioro do litoral son na maioría dos casos meros parcheos, solucións cada vez máis a curto prazo. Só procuran que as praias teñan boa presenza na tempada de praia a base de custosísimos aportes de area e obras superfluas que desaparecerán ao chegar o inverno. E así ano tras ano… A quen benefician estas ineficientes políticas de parcheo?
Os reiterados e inútiles recheos das praias, financiados con cartos públicos, teñen ademais consecuencias para o medio ambiente que non son valoradas debidamente. As praias, lonxe de ser linguas de area estéril, son espazos cunha elevada biodiversidade. Numerosas especies animais e vexetais, que moitas veces pasan desapercibidas, viven nas praias e nas súas proximidades. Son a base da pirámide trófica, e a súa desaparición ten efectos negativos sobre o resto de animais do ecosistema, incluídos os peixes e mariscos comerciais.
Non podemos impedir os temporais, mais si reducir os seus efectos (e custos)
Recoñecer e afrontar en serio as causas do problema (cambio climático e urbanismo desordeado) resulta chave para reducir os seus efectos. É insensato seguir planificando actuacións na costa, como se a suba do nível do mar e os fenómenos meteorolóxicos adversos non foran xa unha realidade. Seguir fomentando a ocupación do litoral e aplicar as mesmas inútiles receitas a base de carísimos recheos, resulta insensato e aponta á corrupción do actual modelo urbanístico.
Máis cedo que tarde haberá que afrontar os custos de non ter actuado antes. Suprimir infraestruturas inútiles, recuperar as dinámicas naturais e evitar seguir cementando o litoral (amáis do gasto inútil dos recheos de area) contribuiría a non seguir aumentando a fatura dos desastres. Cando menos, aforraranse millóns de € e mesmo vidas, se os responsábeis públicos deixan de comportarse como nenos que fan castelos na area mentres sube a maré.




















O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.



