A Mariña, 15 de febreiro de 2014. O BNG pídelle ao alcalde de Cervo maior contundencia ante a Xunta e a empresa mineira que explota a mina de caolín de Vilaestrofe para evitar desgrazas innecesarias tanto nos bens municipais como nos da veciñanza. Os nacionalistas cren que o alcalde peca de exceso de tranquilidade “pedir calma non é incompatíbel con reclamar con claridade e contundencia medidas correctoras e de precaución para evitar desgrazas innecesarias”, lendo as declaración do alcalde “da a sensación de que actúa como delegado da empresa mineira e non como responsábel de velar polo interese municipal e o dos seus veciños e veciñas”.
O BNG considera que o alcalde cervense, Alfonso Villares, deberia actuar con maior contundencia na defensa dos intereses municipais e a protección da veciñanza residente preto da mina de caolín de Vilaestrofe na que se abriron fendas de considerábeis dimensións que ameazan con derrubarse. Entenden que a fenda lonxitudinal de aproximadamente 250 mts. de longo, aberta por riba da canteira a ceo aberto supón un serio perigo para as persoas, bens privados e municipais como é o caso dun tendido eléctrico de competencia municipal.
Neste sentido pídenlle maior contundencia na reclamación de medidas correctoras e preventivas que debe executar a empresa Área Minera del Cantábrico S.L. ou subsidiariamente a propia Xunta de Galiza, entenden dende o BNG que “as peticións de calma do alcalde non son incompatíbeis con reclamar con claridade e contundencia medidas correctoras e de precaución para evitar desgrazas innecesarias”. Non chega afirma o BNG, coa paralización da actividade mineira ou o balizamento da zona, “débense presentar proxectos que a curto e medio prazo garantan a seguridade na zona e a protección de bens públicos e privados”
Os nacionalistas, que tiveron acceso á resolución da Xefatura Territorial da Consellaría de Economía e Industria, “comparten e entenden a preocupación da veciñanza de Vilaestrofe” polo que lle reclaman ao alcalde que evite poñerse de canto neste asunto xa que a súa responsabilidade está en velar polos intereses municipais e a seguranza da veciñanza cervense. Da a sensación lendo as declaracións do alcalde dos últimos días que son mais propias do delegado da empresa mineira que dun alcalde preocupado polos intereses do concello que preside.
Igualmente advirten que a Deputación debera intervir para velar pola estrada da súa competencia que une a Parroquia cervense de Rúa co concello de Burela, situada xusto debaixo da canteira e a escasos metros da fenda aberta que de producirse algún derrube podería chegar a afectarse.