Burela, 19 de novembro de 2014. A Concellería de Servizos Sociais burelesa informa que o prazo para presentar as solicitudes do tícket eléctrico social se ampliou ata o 30 de novembro, unhas solicitudes nas que o Servizos Sociais municipais poden colaborar segundo a orde.
O tícket eléctrico social consiste nunha axuda directa de 45 euros semestrais para as familias que cumpran os requisitos esixidos na convocatoria e 60 euros no caso de familias numerosas. Esta cifra supón o 5,80 e o 7,73% respectivamente do gasto medio en electricidade en Galicia. O procedemento establecido para a solicitude e concesión do tícket eléctrico é o seguinte:
1.-Presentación das solicitudes: realizarase unicamente a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia: https://sede.xunta.es, e desde a páxina web do instituto enerxético de Galicia: http://www.inega.es.
Os Servizos Sociais municipais asesorarán e colaborarán cos solicitantes na presentación telemática das solicitudes.
Para o suposto no que o peticionario da axuda non teña capacidade técnica ou económica ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por un empregado público do Concello correspondente, mediante o uso do sistema de sinatura electrónica do que estea dotado. Para tal fin, o peticionario deberá outorgar a preceptiva autorización no modelo normalizado establecido no anexo III.
2.-Prazo de presentación: 30 novembro incluído.
3.-Beneficiarios: poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na comunidade autónoma de Galicia que teñan ao seu cargo fillos menores de 18 anos e un gasto derivado do subministro de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son: ser residentes na comunidade autónoma de Galicia; ter fillos menores a cargo; estar aboando a correspondente factura de enerxía eléctrica a unha comercializadora; non superar os límites de renda establecidos no artigo anterior; non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da lei 9/2007, de 13 do xuño, de subvencións; e só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.
O solicitante da axuda declara no anexo I que os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2013 non superan o IPREM. Esta declaración responsable deberá vir acompañada dun informe de valoración da situación de necesidade emitido polos Servizos Sociais comunitarios básicos municipais.
4.-Resolución: o Instituto Enerxético de Galicia resolverá a concesión das axudas no prazo dun mes contado dende o día seguinte á data da súa presentación.