Novas Xeracións do Partido Popular de Mondoñedo.- Despois de ter a oportunidade de ler o artigo publicado por Lara Méndez e visto o desafortunadas que foron as súas palabras, vémonos na obriga de aconsellar mellor á que é a nosa vicepresidenta segunda na Deputación de Lugo.
Sra. Lara, os mindonienses non queren outro albergue de peregrinos situado lonxe do casco urbano e ás aforas da cidade. Xa llo manifestaron así veciños e mesmo o representante dos comerciantes e hostaleiros de Mondoñedo, – tamén por carta aos medios –. Ata o propio alcalde lle ten pedido que se dese continuidade ao uso hoteleiro do Mirador, pois tal é o fin para o que foi concibido.
A Sra. Lara parece esquecer que, na actualidade, xa temos un albergue en moi boas condicións gracias a un moi bo alcalde popular que tivo esta cidade. Se a pretensión, como dixo a socialista, é a de ampliar o número de camas dispoñibles para peregrinos o que se debería facer é pensar nun inmoble, situado dentro do casco histórico, de xeito que o turismo do Camiño reverta directa e realmente no comercio e hostalería mindoniense. Isto non se daría no caso do hipotético albergue no Mirador.
O seu proxecto para o Mirador parécenos, simple e sinxelamente, unha tomadura de pelo. O desleixo e pasividade neste asunto por parte da administración provincial, -titular do inmoble-, permitiu o saqueo destas instalacións que, no seu momento, foron un atractivo hotel de 3 estrelas, con piscina, xardíns, restaurante e unha terraza con unha das mellores vistas do val de Mondoñedo.
Agora vostedes pretenden desfacerse desta instalación e pasar o morto á Xunta de Galicia, que se tería que facer cargo de todo o novo mobiliario e adecualo a un albergue de peregrinos. Todo un despropósito: non só se amosaron incapacitados para darlle unha saída ao Mirador, senón que agora buscan encaramarllo a outra Administración, que non ten nada que ver co referido edificio. A nosa indignación é maior aínda ao ser sabedores de que xente nova interesouse por unha nova concesión do Mirador e que non foi tida en conta por socialistas e nacionalistas na Deputación.
Vostede arremete contra Elena Candia dicindo que vota en contra de Mondoñedo no pleno da Deputación Provincial. Nada máis lonxe da realidade, cando Elena está votando en contra do seu proxecto estrela no pleno da Deputación de Lugo, faino porque está pensando nos verdadeiros intereses dos mindonienses, que vostedes parecen descoñecer, probablemente, por estar moi mal aconsellados. Non se esquezan que Elena Candia vén denunciando ao longo de todos estes anos e enerxicamente o estado de abandono deste inmoble.
É vostede, sra. Lara Méndez, a experta en votar en contra de iniciativas nas que se tramitan demandas dos seus veciños. Non apoiou vostede que a Deputación incorporara nos orzamentos unha partida para o remate das obras da estrada de acceso ao polígono de Cuíña e tamén rexeitou a ampliación do Museo do Mar de San Ciprián. Antepón os intereses da Deputación aos dos seus veciños.
Sra. Lara Méndez, se de verdade está interesada polos mindonienses; nos, dende Novas Xeracións de Mondoñedo, instámola a que os escoite e estuden outro proxecto máis atractivo para o Mirador de Mondoñedo. Asesórese mellor e, emende, dunha vez por todas, o erro e a débeda que teñen dende a Deputación Provincial de Lugo con Mondoñedo ao deixar durante oito anos infrautilizado e practicamente en ruína un edificio tan importante para o noso municipio.
Novas Xeracións do Partido Popular de Mondoñedo.